"A historia de amor entre María Victoria e Galicia comeza en Pontevedra"

Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre asinan a biografía de María Victoria Moreno na web da Real Academia Galega

María Victoria Moreno. ARCHIVO
photo_camera María Victoria Moreno. ARCHIVO

A Real Academia Galega (RAG) comeza a festexar o ano de María Victoria Moreno. Faino colgando na súa web (academia.gal) unha biografía da autora á que se lle adica o vindeiro Día das Letras Galegas. Asínana as académicas Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre.

"A historia de amor entre María Victoria e Galicia comeza en Pontevedra", di esta biografía que, entre outras cousas, corrixe a data de nacemento da escritora: non é 1941, como a propia María Victoria Moreno contribuíu a difundir, senón 1939. O texto, que repasa distintas facetas da homenaxeada, da de escritora á de mestra, pasando pola de editora, fai fincapé na vinculación da autora coa cidade na que se afincou dende 1963 ata o seu falecemento, en 2005. De igual xeito, as académicas insisten na decisión persoal de María Victoria Moreno de converterse nunha autora galega. Tanto como para abrir a biografía cunha cita persoal da homenaxeada: "Por isto penso que a situación do galego non se pode ver con indiferenza. Se estou coa xente que amasa o meu pan e mais colle no mar os peixes da miña mesa, tamén quero falar con eles, falar a súa fala".

"Aquí viviches no paraíso", lle escribe Aleixandre. "Paraíso foi a túa amada Pontevedra. Paraíso as aulas, das que non desertaches nin enferma"

 

O texto de Casalderrey e Aleixandre tamén reivindica o papel da escritora como pioneira da literatura infantil e xuvenil galega, o seu compromiso co ensino da lingua en pleno franquismo ou o seu labor como editora. "Contribuíu, xunto a outros autores e autoras da súa xeración, a situar a literatura infantil e xuvenil galega nun lugar digno; a poñer en valor o uso da lingua galega, falándoa e escribíndoa ben, a meterse na pel dos personaxes e gozar coa literatura, coa beleza das palabras", din. "Toda a súa vida é un exemplo de compromiso coa causa da lingua galega e da xustiza social", conclúen.

Pontevedra acollerá o vindeiro 17 de maio o acto central de homenaxe da RAG a María Victoria Moreno. Segundo o acordado entre o Concello e a Academia, o pleno extraordinario terá lugar no Teatro Principal. Semanas antes, no Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que se celebrará este ano baixo o lema Mulleres de conto, Moreno terá un protagonismo especial.

​TRIBUNA. Ademais da biografía, a web da RAG, na sección Tribuna, tamén incluíu un artigo en forma de carta de Marilar Aleixandre. Nel incídese de novo na relación de María Victoria Moreno con Pontevedra: "Aquí viviches no paraíso. Paraíso foi a túa amada Pontevedra. Paraíso as aulas, das que non desertaches nin estando enferma. Desde Galicia, que este ano che canta, recibe o noso agarimo. Ti segue teimando".

EXTRACTO. Foi unha escritora galega

"María Victoria Moreno foi unha escritora galega. Que algúns textos falen dela como estremeña é unha confusión debida ao descoñecemento de datos biográficos da súa infancia. Luís Seoane foi un pintor e escritor galego –non arxentino – malia nacer en Bos Aires, e Italo Calvino un escritor italiano nacido en Cuba. O nacemento de María Victoria en Valencia de Alcántara (Cáceres) foi circunstancial. Nin a súa nai nin o seu pai tiñan raíces en Estremadura; Sara Márquez, malagueña, e Vicente Moreno, toledano, casaran en 1937, estando el mobilizado na guerra. Ela ficou vivindo na casa do seu irmán na vila estremeña, onde naceu María Victoria o 1 de maio de 1939 –hai outra confusión difundida pola propia autora, que afirmaba ter nacido en 1941–. Logo duns anos en Badaxoz, o seu pai foi destinado en 1943 a Segovia, onde viviron até 1949. (...) De 1958 a 1963 estudou Filosofía e Letras, sección de Filoloxía Románica, na Universidade Complutense de Madrid. Alí coñeceu a José Luis Llácer, invidente, con quen casou ao finalizaren a carreira e co que se trasladou a Pontevedra en 1963, por ser el contratado no Colexio da Once. En Pontevedra viviu máis de 40 anos, até a súa morte en 2005 pois, aínda que deu clase dous anos en Lugo e catro en Vilalonga, a súa casa sempre estivo nesta vila. Podería ser máis acaído dicir que era segoviana ca estremeña, aínda que tamén viviu sete anos cruciais da adolescencia en Barcelona e cinco en Madrid antes de se instalar en Galicia. Á fin, debemos darlle a razón cando afirmaba ser galega: é a terra onde viviu máis tempo e sobre todo a terra e a lingua con que se identificou".

[ACADEMIA.GAL]

 

Comentarios