'Aquí cántase' volve a abrir as Festas da Peregrina

A actividade, que se celebrará no marco da nova normalidade e adaptada aos protocolos de seguridade, terá lugar o venres na Praza da Ferrería
Pasada edición de Aquí Cántase, unha proposta de Maravallada que reúne aos veciños de Pontevedra para interpretar temas tradicionais. DP
photo_camera Pasada edición de Aquí Cántase, unha proposta de Maravallada que reúne aos veciños de Pontevedra para interpretar temas tradicionais. DP

Por cuarto ano consecutivo os cantos colectivos e populares que envolven a iniciativa Aquí Cántase amenizarán a véspera das Festas da Peregrina. A nova convocatoria, condicionada polas medidas de seguridade e prevención da Covid-19, foi denominada pola concelleira de Festas e Dinamización Social, Carmela Silva, e o representante da Asociación Maravallada, Luis Torres, coma unha edición "extraordinaria".

A pesar das circunstancias supeditadas á nova normalidade, o Concello non quere deixar a Pontevedra sen cantar, xa que segundo Silva "esta é unha das actividades que máis alegran o verán
pontevedrés e que xa forma parte da tradición". Así, invita aos veciños da Boa Vila a participar no evento enmarcado na programación de verán Pontevedra Vívese e a unir as súas voces nun animado canto grupal.

Aquí Cántase comezará ás 22h na praza da Ferraría e o público que desexe participar deberá acceder á zona acotada na praza e permanecer nas cadeiras durante a hora de duración prevista. O grupo Maravallada será o encargado de acompañar aos cantantes con música desde o escenario, e tamén repartirá o repertorio impreso para que as persoas participantes poidan seguir a letra con maior facilidade. Neste sentido, Luis Torres explicou que "non se trata dunha actuación de Maravallada senón que nós estaremos alí para acompañar, porque o que queremos é que a xente participe e cante".

Tanto Luis Torres como Carme da Silva fixeron referencia a que nesta edición especial non foi posible levar a cabo os ensaios previos que se realizaban tradicionalmente durante a primavera en varios centros sociais da cidade e lembraron o esforzo de adaptación realizado durante o confinamento para manter viva a actividade Cantos de taberna con dúas actuacións a través das redes sociais. Tamén o venres, quen o desexe, poderá seguir Aquí Cántase en directo a través da páxina de Facebook de Maravallada.

Comentarios