lunes. 23.09.2019 |
El tiempo
lunes. 23.09.2019
El tiempo

O abastecemento de auga de Mourente estará completo dentro de dous anos

Monte da Tomba, en Campañó, onde se creará un parque forestal. ARQUIVO
Monte da Tomba, en Campañó, onde se creará un parque forestal. ARQUIVO

A Xunta de Goberno aprobou o proxecto para completar a rede, que dará servizo ao futuro Gran Montecelo, Príncipe Felipe e a 610 vivendas ▶ O orzamento supera os 4,6 millóns de euros

A Xunta de Goberno celebrada onte de xeito extraordinario aprobou o proxecto para completar a rede de abastecemento ao futuro Gran Montecelo. Segundo explicou o voceiro do Goberno local, Raimundo González, custará 4.614.231,28 euros. O prazo de execución é de 20 meses.

Permitirá completar a rede de auga potable da parroquia de Mourente -que se converterá na primeira de todo o rural cunha rede completa- e tamén servirá para mellorar o abastecemento á Cidade infantil Príncipe Felipe.

Trátase da primeira obra de abastecemento que se fará con cargo ás melloras ofertadas pola empresa Viaqua no novo contrato do ciclo da auga. Con esta contratación, que correrá a cargo de Viaqua, ao igual que a execución, "o Concello cumpre os compromisos propios coa construción do futuro hospital, que eran os relativos aos servizos: abastecemento e saneamento", destacou. Están pendentes outras colaboracións coa futura infraestrutura viaria do hospital e coas expropiacións pero, matizou González, estas dependen da presentación do proxecto sectorial pendente por parte da Xunta.

Ademais de dotar ao novo hospital, esta nova rede de abastecemento dará servizo aos lugares de Raxeira, Igrexa, Bouza, Casas Novas, Pazo, Cons, Carabelos e A Condesa, o que supón 610 vivendas. Na actualidade a parroquia de Mourente tan só conta con servizo de abastecemento nas vivendas situadas na liña da estrada de Ourense e por debaixo da cota da rotonda de Montecelo.

A empresa presentou nestes días o proxecto que xa foi supervisado polos técnicos municipais. Os seguintes pasos serán os trámites administrativos do plan de seguridade, polo que a obra podería estar en marcha nun mes e medio, apuntou o concelleiro.

Por outra banda, tamén se licitaron o contrato de mantemento das caldeiras dos colexios (185.000 euros por catro anos), o vestiario da Policía Local (408.000), a pirotecnia para as festas do verán (78.709) e a rehabilitación do firme de Martín Raxo (Lourizán), por 163.000 euros e un prazo de execución de catro meses.

O parque forestal da Tomba custará 441.654 euros
A Xunta de Goberno tamén aprobou o proxecto do segundo parque forestal do municipio, situado no lugar da Tomba (Campañó). Esta obra será financiada con fondos propios cun orzamento de 441.754,54 euros que se executará entre este ano e o vindeiro. Trátase dunha superficie de 67 hectáreas cedidas en uso pola comunidade de montes ao Concello por un período de 30 anos. O proxecto busca unha mellora substancial dos usos sociais e ambientais deste espazo coa creación e mellora de sendas, plantacións de especies autóctonas e a eliminación de invasoras que dean maior valor ecolóxico á zona de intervención, habilitar zonas para a práctica deportiva, zonas de xogos ou miradoiros sobre a ría.

Así mesmo, búscase un incremento do número de visitantes atraídos polo patrimonio local.

 

O abastecemento de auga de Mourente estará completo dentro de dous...
Comentarios