lunes. 14.06.2021 |
El tiempo
lunes. 14.06.2021
El tiempo

Aberto o prazo para solicitar as axudas á compra de computadores

undefined
Campaña para informar as subvencións en centros da cidade. D.F.
As peticións poden presentarse ata o 19 de maio para estudantes do Concello

Xa é posible solicitar as subvencións municipais á compra de equipos informáticos para estudantes de Primaria, Secundaria, Bacharelato e ciclos formativos. Tras a publicación das bases no BOPPO deste luns, iníciase o prazo de apertura de solicitudes, que se estenderá durante un mes, ata o 19 de maio.

As axudas cobren a compra de computadores e outro equipamento informático para estudantes do Concello de Pontevedra que adquiran algún dispositivo deste tipo desde o 14 de marzo de 2020, cando se declarou o estado de alarma, ata o 31 de decembro de 2021. A subvención cobre ata 400 euros do prezo do equipo e anticiparase ao 100% unha vez que esta sexa concedida, co requisito de presentar a factura de compra antes de marzo de 2022. No caso de computadores que foron adquiridos xa, poderán presentarse as facturas e ingresarase a parte correspondente do prezo en concepto de subvención.

O Concello de Pontevedra destina 400.000 euros a esta liña de axudas que forman parte do Plan Supera 21. Unha mesma unidade familiar pode pedir varias subvencións no caso de contar con varios estudantes, cun tope de 2.000 euros por familia.

A subvención cobre ata 400 euros do prezo do equipo

As solicitudes para optar ás subvencións pódense entregar presencialmente na oficina Supera 21 (rúa Dona Tareixa), que tamén atende as dúbidas relativas ao proceso, ou na sede electrónica municipal (sede.pontevedra.gal).

Tal e como explicou este luns Anabel Gulías, portavoz do Goberno, desde que se fixeron públicos algúns dos puntos básicos desta liña de axudas, a oficina Supera 21 recibiu xa 500 consultas de veciños relativas ás subvencións.

O concelleiro de Educación e tenente de alcalde recordou que para optar ás axudas "a renda das familias cun fillo ou filla non deberá superar os 39.900 euros anuais; a das que teñen dous debe ser inferior aos 43.225 euros; a das de tres de menos de 47.215 euros e a das de catro ou máis fillos non superar os 49.875 euros".

A totalidade das bases está colgada na web do Concello: pontevedra.gal.

Documentación básica para pedir a subvención 
Xunto á solicitude para optar á subvención é necesario achegar unha serie de documentos, tal e como recollen as bases das axudas. 

Deste xeito, será necesario achegar o DNI do solicitante, a declaración da renda de 2019 dos membros da unidade familiar, o libro de familia e o certificado de matriculación nun centro educativo no curso 2020-2021.

Ademais, no caso de dispoñer dos mesmos, poderanse achegar certificados de ingresos de pensións, desemprego, Risga ou outro tipo de subsidios similares, así como certificados de discapacidade ou dependencia, documentación relativa a casos de violencia de xénero, sentenzas de divorcio nas que conste a custodia dos fillos, resolucións xudiciais sobre acollemento ou tutela ou acreditación de monoparentalidad expedida pola Xunta. 

No acceso ás axudas, terán prioridade as familias con menor renda.

Aberto o prazo para solicitar as axudas á compra de computadores
comentarios
ç