Abre o prazo para matricularse en infantil para o próximo curso

A Xunta oferta 487 prazas para nenos de entre cero e tres anos nos seis centros da cidade ► As solicitudes, ata o 10 de abril

O Diario Oficial de Galicia publicou este mércores a apertura do período de inscrición para solicitar unha praza nas escolas infantís da Xunta de Galicia, que acollen a nenos de entre cero e tres anos. 

Desde este xoves ata o 10 de abril pódese presentar a documentación para apuntar aos pequenos nos centros A Galiña Azul da Parda, o Campus universitario e Monte Porreiro, xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e os do Toxo e Campolongo, dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais. A esta última entidade pertence tamén a escola da Delegación Territorial, que ten 36 prazas e xestiónase con prazos diferentes. Contando esta, son 487 prazas as ofertadas. A que máis ten é a escola infantil da Parda, con 115, mentres que as de Monte Porreiro e o Campus ofrecen 61 cada unha. Nos tres casos o horario é de 7.30 a 20.00 horas. O Toxo (abre de 8.00 a 17.00) e Campolongo (de 8.00 a 18.00 horas) dispoñen de 107 en cada caso. Estas cifras distribúense de forma desigual entre as distintas franxas de idade. 

No caso das solicitudes de novo ingreso, poderase pedir praza para máis dunha escola, indicando a orde de preferencia e entregando unha única solicitude no centro que se indique como primeira opción. Ademais dos impresos debidamente cubertos deberase presentar copia do Libro de Familia, xustificante de ocupación ou desemprego actualizado e certificado de empadroamento da unidade familiar expedido polo Concello correspondente. 

BONO CONCILIA. Tamén se abre o prazo para participar no programa de prazas concertadas nas escolas infantís privadas para quen soliciten un centro público pero queden fose (Parrulos, Pipo, en Pasarón e Bamby). 

Tamén existe a opción de participar no programa Bono Concilia, da Consellería de Política Social, que consiste nunha axuda económica mensual para compensar o pago do importe dunha praza nunha escola infantil privada, que vai dirixido a quen non a obteñan en ningunha das escolas ( nin públicas nin concertadas) solicitadas.

Comentarios