Absolto un home na vintena por manter relacións sexuais cunha nena de 13

A Audiencia de Pontevedra considera que os dous tiñan un grao de madurez semellante
Audiencia de Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Audiencia de Pontevedra. DAVID FREIRE

A Audiencia de Pontevedra absolveu a un mozo que, cando tiña 20 anos, mantivo relacións cunha nena de 13 ao entender que ambos tiñan un "grao de madurez semellante" para entender as súas prácticas sexuais. A Fiscalía solicitaba para o mozo unha condena de doce anos de prisión por un delito continuado de abusos sexuais e reclamaba unha indemnización á vítima de 15.000 euros. 

A sentenza considera probado que ambos iniciaron a súa relación en 2017 e que os seus encontros sexuais foron aceptados "libre e voluntariamente". A parella chegou a convivir na casa da nai del ata que a menor quedou embarazada, momento no que esta quedou baixo a tutela do Centro de Protección de Menores das Trinitarias, en Vigo, da que a moza se escapaba continuamente.

O tribunal da sección cuarta da Audiencia de Pontevedra entende que se acreditou que o sospeitoso ten unha capacidade intelectual "inferior á media que corresponde á súa idade" e as posicións de ambos sobre o sexo "son próximas en cando ao grao de desenvolvemento ou madurez", polo que non ve ilícito penal no seu comportamento.

"Ningún dato existe que permita concluír que o consentimento estivese viciado ou que as facultades da menor atopásense anuladas, diminuídas ou afectadas dalgún xeito relevante ou que concorrese algunha circunstancia que lle impedise outorgar o consentimento de xeito libre e voluntario", subliñan as xuízas na sentenza.

O fallo indica ademais que tampouco consta que para lograr este consentimento o acusado exercese "superioridade ou influencia" sobre a menor", xa que a nena "non mostra ningún indicio de temor cara a el". 

Comentarios