Absolven un profesor de taekwondo acusado de abusar das súas alumnas

A acusación aseguraba que o adestrador, dun club do País Vasco, acosara menores durante unha viaxe a Pontevedra para un torneo
undefined
photo_camera Detalle da fachada princial do TS.

A pesar da firme oposición do ministerio fiscal, que entendía os feitos constitutivos de delitos de abusos sexuais a menores de idade, o Tribunal Supremo absolveu un adestrador de taekwondo acusado de acosar e tocar algunhas das súas pupilas en varios momentos, entre eles durante unha viaxe que o seu club, procedente do País Vasco, realizou a Pontevedra para a súa participación nun torneo da especialidade.

A sentenza, contra a que non cabe recurso, pon fin a un procedemento iniciado na Audiencia de Álava e elevado despois ao Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco e, para rematar, ao Supremo, todo iso a instancias dun ministerio público que mostrou a súa desconformidade co ditame absolutorio.

Os feitos probados sinalan que o adestrador desprazouse a polo menos dúas viaxes con varias das súas alumnas, así como con outros membros do club do que todos eles formaban parte, con sede en Vitoria. En relación á primeira das viaxes obxecto de investigación, o fiscal acusouno de abusar dunha moza no desprazamento no autobús, primeiro, e unha das habitacións, despois. Nada diso quedou o suficientemente acreditado, segundo os distintos órganos xudiciais.

No segundo desprazamento analizado, no que o club acudiu a Pontevedra, o acusado compartiu habitación con tres menores, de entre doce e trece anos naquel momento (2014). O fiscal e a acusación particular aseguran que abusou delas no dormitorio, pero o tribunal mantén que non existen probas suficientes como para desvirtuar a presunción de inocencia do procesado.

Por todo iso, o Supremo deixa sen efecto as acusacións por ata tres delitos continuados de abusos sexuais e un máis de lesións psicolóxicas e contra a integridade moral que lle atribuía o ministerio público ao investigado. O seu defensa, ademais, acusou de mentir a algunhas testemuñas, pero os xuíces entenderon que a dedución de testemuño non debe prosperar.