A abstención de Marea permitirá ao BNG aprobar os orzamentos de 2019

O borrador, que o Bloque entregou este luns aos grupos da oposición, recolle un incremento de 1,2 millóns

Reunión de los portavoces de los grupos municipales. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Luís Rei. DAVID FREIRE

A abstención dos dous concelleiros de Marea Pontevedra permitirá ao BNG aprobar sen sobresaltos o orzamento para 2019 que, como adiantou o goberno municipal, ascenderá a 76,3 millóns de euros.

O portavoz de Marea, Luís Rei, explicou que as contas para o próximo ano son unha "fotocopia" das anteriores, pero cre que son un "marco que nos vale", dixo, nos seus números "xerais", ao recoller a axenda social que a súa formación presentou aos orzamentos en vigor.

Cando Marea acceda á alcaldía de Pontevedra, engadiu Rei, será cando o seu partido se empregue "a fondo" para que a cidade conte cun orzamento "de verdade", que se corrixirá mediante modificacións puntuais de crédito.

Tras destacar que esta decisión é "consecuente" coa posición de Marea, que facilitou a aprobación dos dous últimos orzamentos, o seu portavoz engadiu que "imos falar" co BNG para incluír algunhas emendas, demostrando que son unha "oposición útil".

O borrador do orzamento para 2019, que o BNG entregou este luns os grupos da oposición, recolle un incremento de 1,2 millóns con respecto ás contas actuais.

O Concello de Pontevedra gastará en 2019 uns 23 millóns de euros en persoal e 32,5 millóns en gastos correntes, mentres que destinará a investimentos unha cantidade de 12 millóns de euros.

As transferencias para entidades como o Pazo de Cultura ou a sociedade de Turismo de Pontevedra serán duns 5 millóns de euros, os préstamos e intereses consumirán 1,7 millóns e as transferencias de capital para actuacións acordadas con outras administracións serán de 1,2 millóns. Ademais, a débeda municipal baixará a niveis de 1991, ao situarse nuns 12 millóns de euros.

O portavoz do goberno, Raimundo González, destacou que este orzamento, que cualificou como "fortemente investidor", ten unha "importante" carga social en tres ámbitos: a promoción económica, a aposta polas políticas de igualdade e o reforzo no servizo de axuda no fogar. 

Comentarios