Acrobacias e humor para a Semana Santa

O Teatro Principal programará durante as vacacións os espectáculos 'Slips inside', de Okidok, e '32m²', de ButacaZero
undefined
photo_camera Imaxe promocional de 'Slips inside', dos belgas Okidok. DP

O Teatro Principal de Pontevedra programará dous espectáculos escénicos durante a Semana Santa. Trátase da obra Slips inside, da compañía belga Okidok, que se poderá ver o sábado 25 de marzo, e de 32m², dos galegos ButacaZero. As dúas propostas comezarán ás 20.00 horas. As entradas están á venda en ataquilla.com (12 euros máis gastos). O obxectivo, segundo indica o Concello, é "proporcionar ao público alternativas de lecer, seguras e sen saír da cidade de cara ás vacacións e co humor como denominador común".

Chegado dende Bélxica, Okidok é "un dos grupos máis sorprendentes e creativos do clown europeo actual, responsable da renovación do xénero a nivel internacional cun traballo puro e de calidade", explica o Concello. Xavier Bouvier e Benoît Devos son os directores e protagonistas desta peza na que dan vida a Pierrot e Marcel, dous personaxes con corpos de fantasía. "Musculosos, elegantes, hábiles, multifacéticos e moi conscientes de todas as súas incribles cualidades, lánzanse nunha gran demostración dos seus talentos". Acrobacias, clown, danza e humor mestúranse en Slips inside.

RODRIGO CUEVAS. A outra obra, 32m², de ButacaZero, foi creada e dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas. Está baseada no confinamento do ano pasado e conta con Xurxo Cortázar e Nuria Gullón como protagonistas. A música é de Rodrigo Cuevas.

Os protagonistas da historia son Xan e Mar, "que viven tranquilamente a súa vida antisistema no seu pequeno piso de 32 metros cadrados". Ata que algo sucede e, de súpeto, no supermercado xa non hai papel hixiénico. "É todo tan raro que non lles queda máis remedio que poñer a tele, agochada quen sabe onde dende quen sabe cando". Concibida como unha peza de teatro do absurdo, a obra é un enredo no que o público poderá recoñecer todo o sucedido ao longo de 2020.

Xurxo Cortázar regresa a Pontevedra 
A obra de ButacaZero trae de volta ao Teatro Principal ao actor Xurxo Cortázar (Pontevedra, 1973), actualmente afincado en Vigo, pero durante moitos anos unha persoa moi importante no teatro pontevedrés. Como membro do grupo Akatro, foi un dos coordinadores do ciclo Domingos do Principal. Tamén traballou coas dúas compañías máis importantes de Pontevedra, Migallas e Baobab. Ademais, Cortázar creou e protagonizou A penitencia do pirata, baseado na vida de Benito Soto.

Comentarios