O Concello prepara a poxa dos postos dispoñibles no primeiro andar do Mercado de Abastos

A oferta abrangue 52 bancadas de peixe e 3 de froita, 6 casetas interiores de carne e 2 casetas exteriores de confección e 1 de prensa

Yoya Blanco, este mércores no Mercado de Abastos. DP
photo_camera Yoya Blanco, este mércores no Mercado de Abastos. DP

A Concellería de Promoción Económica de Pontevedra vén de poñer en marcha o procedemento para a concesión das 55 bancadas e 9 casetas que están dispoñibles no primeiro andar do Mercado de Abastos da cidade. A edil socialista Yoya Blanco levará o vindeiro luns a Xunta de Goberno Local para a súa aprobación os pregos de cláusulas para acceder a estes postos baleiros na Praza da rúa Serra, que se outorgarán mediante a fórmula de libre concorrencia por poxa.

En concreto, sacaranse a concurso 55 bancadas das 114 existentes no Mercado: 52 bancadas de peixe e tres de froita, así como seis casetas interiores de carne e dúas casetas exteriores de confección e unha de prensa. 

Tal e como sinala Yoya Blanco, os que resulten concesionarios "deberán satisfacer as taxas correspondentes melloradas á alza segundo as súas propostas, fixándose o importe destes canons polo prazo total de concesión, que é de 25 anos".

As taxas mínimas que se deben ofertar polos licitadores por cada número de posto, en función do seu tipo, serán os seguintes: bancada de peixe, 3.872,07 euros; bancada de froita, 3.872,02 euros; caseta interior, entre 9.680,16 e 13.552,23 euros, e caseta exterior, 8.131,34 euros.

As ofertas que se formulen por debaixo destes mínimos serán rexeitadas e os licitadores excluídos do procedemento. Todos os solicitantes que estean propostos para ser beneficiarios das concesións están obrigados a presentar autoliquidación e realizar o pagamento do canon ofertado.

Independentemente do pago do canon mínimo, os adxudicatarios deberán satisfacer mensualmente, durante a vixencia da concesión, as taxas de servizo establecidas na ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación de servizos nos mercados municipais: bancada de peixe, 38,03 euros mensuais; bancada de froita, 40,81 euros; caseta interior, entre 55,86 e 78,20 euros, e caseta exterior, 46,92.

Así mesmo, correrán por conta de cada concesionario os tributos relativos ao exercicio de cada actividade, os que graven a constitución destas concesións, os de formalización pública dos títulos das concesións e demais derivados das propias concesións.

Yoya Blanco lembra que, para poder participar neste procedemento, "os empresarios interesados deberán acreditar a súa solvencia económica, técnica e profesional".

Con carácter previo á súa aprobación definitiva, os pregos de condicións serán obxecto de información pública xunto ao proxecto de concesión. A estes efectos, os pregos e o proxecto publicaranse no perfil do contratante da sede electrónica do Concello de Pontevedra durante un prazo de 30 días hábiles.

Do mesmo xeito, publicarase un anuncio de información pública no BOP onde se determinará que os pregos e o proxecto de concesión se expoñen ao público durante 30 días hábiles. 

As proposicións para tomar parte neste procedemento presentaranse na oficina de asistencia en materia de Rexistro do Concello durante o horario de apertura deste, durante os 30 días hábiles seguintes ao da publicación do anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Asemade, publicarase anuncio de licitación no perfil do contratante da sede electrónica do Concello durante o prazo para presentar proposicións de participación neste procedemento.

Estes pregos estarán a disposición dos interesados no perfil do contratante da sede electrónica. Tamén poderán presentarse proposicións por correo, se ben neste caso os interesados deberán acreditar, co resgardo correspondente, a data de imposición do envío na oficina de Correos e anunciar ese mesmo día ao Concello, por fax ou telegrama, a remisión da proposta. En todo caso, transcorridos 10 días naturais desde a terminación do prazo de presentación non serán admitidas proposicións enviadas por correo.

BLACK FRIDAY
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, instou  "aos pontevedreses que teñan previsto empregar este Black Friday para adquirir algúns dos seus agasallos de Nadal a aproveitar para deixar máis cartos no comercio local e menos nos petos de Jeff Bezos, que sen dúbida vai ter unhas festas moito máis folgadas que a media dos nosos comerciantes".

A edil socialista animou aos cidadáns "a ser moi #PonteLovers e, dado que son moitos os que se deixarán levar pola voráxine desta xornada, a comprar agasallos a través dun marketplace que é moito máis interesante que Amazon, que se chama E-Ponte.com e cuxa filosofía é exactamente a contraria que a dese xigante monopolista: mercar aos que están preto de nós nesta era
de compra-venta online marcada pola pandemia".

Non obstante, Blanco defende que "agora máis que nunca é o momento de facer compras intelixentes e espazadas no tempo, en lugar de concentralas nun Black Friday, que en moitas ocasións non ofrece realmente esas rebaixas tan apetecibles que anuncia".

"Se hai unha situación histórica para apostar polos artigos de primeira calidade que ofrecen os nosos comerciantes e para poñer en valor a súa atención especializada, estamos nela. Eu estarei dende logo moi atenta nestes días e semanas ás ofertas do noso marketplace e dos escaparates", asegurou a concelleira.

Comentarios