Activado para este luns un aviso amarelo na costa de Pontevedra

As temperaturas sufrirán un moderado descenso na comunidade
Temporal en Silgar. DP
photo_camera Temporal en Silgar. DP

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) activará durante este luns avisos laranxas por mar combinado de ondas de até 7 metros nas costas das provincias da Coruña e Lugo. No litoral de Pontevedra, a alerta será amarela

Segundo información de Aemet, durante a madrugada e as primeiras horas da mañá deste luns a costa coruñesa e A Mariña lucense estarán baixo un aviso amarelo que se agravará e pasará ao nivel laranxa até a medianoite con ondas de entre 5 e 7 metros. 

No litoral pontevedrés, a xornada abrirase cunha normalidade que se converterá nunha alerta amarela en torno ao mediodía. A partir desa hora, haberá mar de fondo con ondas de até 5 metros. 

Toda esta situación de inestabilidade na costa, da que advirte para este luns a Axencia Estatal de Meteoroloxía, poderase prolongar até as primeiras horas da madrugada do martes. 

Recoméndase afastarse das praias, paseos marítimos ou diques

Así, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) avisa de que se poden producir desbordamentos puntuais pola crecida das mareas, que algunhas embarcacións ou estruturas marítimas poderían irse á deriva e que mobiliario urbano podería ser arrastrado polo mar. 

Ante iso, este organismo recomenda afastarse das praias, paseos marítimos ou diques, amarrar as embarcacións, evitar navegar ou practicar deportes acuáticos e non deterse para sacar fotografías.

O TEMPO. Galicia estará durante esta xornada baixo influencia anticiclónica. Con esta situación, agárdanse bancos de néboa matinais en zonas de interior, que darán paso a ceos con poucas nubes, nubes de tipo alto na súa maioría que non impedirán completamente o paso do sol.

As temperaturas sufrirán un moderado descenso. Os ventos soprarán frouxos, de dirección variable. 

Meteogalicia