Adíase a XIII edición do Pontedetapas a despois do Nadal pola pandemia

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, avanza que a plataforma #PonteLovers xa está a traballar nun Pontealmorzo e nunha campaña de fomento do ‘tempraneo’ e a ‘merenda-cea’
Yoya Blanco inauguró el Pontedetapas probando la elaboración que ofrece la Cafetería Orly. DAVID FREIRE
photo_camera Yoya Blanco, durante a inauguración do Pontedetapas do ano pasado. DAVID FREIRE

Ante a complicada situación sanitaria que estamos a atravesar, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, adoptou a decisión de adiar a despois das celebracións de Nadal a XIII edición do programa Pontedetapas. A edil socialista asegurou que se trata "dun pequeno paso atrás para coller pulo" e deseñar unha proposta "que será moi potente e, sobre todo máis necesaria que nunca, coincidindo cun período no que tradicionalmente a hostalería da cidade xa soe sofrer un considerable baixón de actividade". "Pontedetapas regresará despois de Reis -subliña Blanco- e farao con forza, cando a pandemia estea controlada, poidamos desfrutar con calma desas deliciosas tapas e os establecementos de hostalería precisen máis que nunca o noso apoio e solidariedade". 

A concelleira do PSOE avanzou que a plataforma #PonteLovers e o colectivo de hostaleiros "están a traballar nunha iniciativa absolutamente novidosa, que se adapta como unha luva aos cambios de costumes que estamos a vivir e que permitirá estender este tipo de concursos a outros horarios menos habituais e a máis establecementos: o Pontealmorzo". "Hai cafeterías en Pontevedra que elaboran uns almorzos absolutamente adictivos -sinala Yoya Blanco- e coido que non son a única pontevedresa que desfruta tanto de tapear como dun bo almorzo".

Neste mesmo sentido, a socialista constata que #PonteLovers tamén estuda poñer en marcha unha campaña "para fomentar o ‘tempraneo’ entre a clientela, é dicir, a adaptación dos costumes de cea a un horario máis europeo, de xeito que as restricións na mobilidade nocturna non muden a nosa cultura gastronómica e non se resinta en restaurantes e outros negocios".

Tal e como apunta Yoya Blanco, “non se trata dalgo tan novo para nós, xa que do que se trata é de promover a ‘merenda-cea’, que é un concepto moi noso, tanto como para os británicos o ‘brunch’, e que eu particularmente levo practicando dende que teño uso de razón”. “En realidade -matiza- non é necesario que nos volvamos alemáns ou suecos de supeto, senón de optar por algo que forma parte da nosa cultura gastronómica: a ‘merenda-cea’”.