As aglomeracións do Black Friday activan as alertas

As autoridades recordan que "o virus non se foi" e apelan á responsabilidade individual para frear os contaxios de covid. O Concello de Pontevedra recomenda extremar as medidas de seguridade e o control do aforamento no comercio e o Mercado
undefined
photo_camera Ringleiras durante o Black Friday o pasado fin de semana. RAFA FARIÑA

"Non podemos relaxarnos, o virus segue aí". As imaxes das principais rúas comerciais de todo o país durante o fin de semana do Black Friday puxeron os pelos de punta aos profesionais sanitarios, que mentres tratan de facer fronte aos casos de covid-19 desde os hospitais ou buscan fórmulas para tratar de dobregar a curva, xa están a pensar en como evitar unha terceira onda.

"Non podemos facer coma se non houbese virus", di o presidente da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEGM), José Carlos Bastida, que apela ao "sentido común" e a "responsabilidade individual" para frear os contaxios. "É totalmente necesario e indispensable que sigamos mantendo as medidas de protección", engade este médico de Familia que traballa en Marín tras ver as aglomeracións rexistradas durante a fin de semana tamén na milla de ouro pontevedresa.

"Pensemos no que pasou este verán cunha volta á normalidade que dicía o Goberno, e ao que volvemos é a unha onda. Este virus veu para quedar e mentres non dispoñamos dunha vacina non podemos relaxarnos". Recorda o presidente da SEGM que "aínda non dispoñemos desa vacina, nin a Axencia Europea do Medicamento nin a americana aprobaron ningunha vacina; ata que a aproben hai que manter totalmente as medidas de protección que se están dicindo sempre".

Non só as autoridades sanitarias, tamén as institucións públicas e as forzas da orde coinciden en apelar á responsabilidade individual para mellorar as cifras de contaxios e hospitalización por covid na área sanitaria Pontevedra-O Salnés. Coa campaña de Nadal ao virar a esquina, prevese que se poidan repetir situacións como a vivida durante o Black Friday con colas de xente agardando ás portas dos comercios, ou grandes correntes de persoas cruzándose polas principais vías comerciais.

"Hai que colocar nunha balanza as ganas que temos de saír e de relacionarnos e o perigo inminente, que está aí", avisa Bastida

"Todos temos ganas de saír, de ir á hostalería, de gozar da nosa xente, pero hai que ter moito coidado. As aglomeracións dan medo. Non podemos relaxarnos porque o virus está aí e aproveita circunstancia para coarse entre nós", advirte o profesional sanitario, quen subliña ademais que desde os centros de Atención Primaria obsérvase que os principais gromos séguense producindo en reunións de amigos e familiares.

"Hai que colocar nunha balanza as ganas que temos de saír e de relacionarnos e o perigo inminente que está aí. Non perdamos a racionalidade e a necesidade de protección". Para José Carlos Bastida, "é crucial que entre todos consigamos baixar a incidencia acumulada. Se non podemos estar dez pois que sexamos oito, pero que salvemos a saúde de todos".

O COMERCIO. A cara máis positiva dos últimos días chega desde o comercio onde se rexistrou un importante incremento de vendas que supón un balón de osíxeno para o sector. A responsable da Concellería de Promoción Económica avaliou positivamente este luns a actividade que rexistrou Pontevedra nos últimos días, preludio da campaña de Nadal, aínda que mostrou a súa preocupación porque as compras se realicen de forma segura.

"Cónstame que houbo comercios que melloraron as cifras do ano pasado", observou Yoya Blanco. "Unha das ideas que se baralla é que o peche perimetral provocou que a xente da contorna non se fose a outras cidades a comprar. Iso unido ao bo tempo, aos descontos do Black Friday e que empeza a haber decoración do Nadal podería explicalo", manifestou Blanco, que subliñou o incremento de usuarios e compradores que viviu tamén o Mercado de Abastos. "O sábado houbo moita xente", dixo. Por ese motivo, a concelleira insiste en incrementar as medidas de seguridade. "O comercio está a cumprir co aforamento e a cidadanía é consciente de que hai que facer ringleiras na rúa".

RAFA MERCADO DE ABASTOS

O MERCADO. No Mercado de Abastos, sinala a edil, ocorre o mesmo. "Agora estamos no mellor mes para a praza, por iso hai que extremar moitísimo as medidas porque nos interesa vender, pero tamén que se freen os contaxios". Blanco recordou a importancia de contar con espazos desinfectados e aireados, de controlar o aforamento e que os clientes realicen as compras "de xeito graduado".

Pola súa banda, desde Poio, a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, insistiu este luns en que o "cumprimento das medidas é unha cuestión de responsabilidade individual". A edil, tras coñecerse que a Policía Local tramitou a última semana case medio centenar de denuncias por incumprimento das medidas anticovid establecidas pola Xunta manifestou que "por moitos controis que se fagan, as autoridades non poden garantir que non se produzan incidencias deste tipo, por moito que a maioría da xente estea a ter un comportamento exemplar"

As 6 M | Recomendacións tamén para ir de compras 
1. Máscara. As autoridades sanitarias recomendan o seu uso todo o tempo posible. Nos establecementos públicos o seu uso é obrigatorio.

2. Mans. Extremar a hixiene de mans mediante o lavado e uso de xel hidroalcohólico, como ao entrar e saír de cada tenda ou establecemento comercial.

3. Metros. Manter a distancia social de dous metros tamén cando se está agardando ás portas dun establecemento comercial.

4. Maximizar a ventilación dos espazos así como as actividades ao aire libre. Recoméndase manter as fiestras e portas abertas dos locais comerciais na medida en que sexa seguro e factible.

5. Minimizar os contactos. Nos concellos galegos afectados polo peche perimetral está permitido moverse só con convivientes.

6. "Quedo en casa". Se aparecen síntomas compatibles con covid ou temos un diagnóstico positivo.

E ademais...
Outras recomendacións á hora de ir á compra pasan por desinfectar os carros ou cesta da compra, levar as bolsas de casa, utilizar luvas, así como priorizar o pago con cartón. Evitar tocar artigos que non se vaian a adquirir, graduar as compras ou evitar as horas punta para ir aos comercios son tamén consellos que lanzan as autoridades sanitarias para frear a expansión da covid-19 e conseguir dobregar a curva de contaxios.

Comentarios