Alberto Vilas: "As composicións lograron axudar á xente a escapar mentalmente do confinamento"

O pianista e profesor do Conservatorio Profesional de Pontevedra, Alberto Vilas, creou durante o confinamento Cuaderno de Bitácora, un proxecto no que cada día subía unha peza musical diferente
O músico Alberto Vilas. ANA DE FRANCISCO
photo_camera O músico Alberto Vilas. ANA DE FRANCISCO

O pianista e compositor, Alberto Vilas, asumiu durante o confinamento a misión de subir cada día unha nova composición musical na súas redes sociais. O obxectivo era axudar á xente a sobrelevar a situación e o resultado foron un total de 50 pezas musicais agrupadas en Cuaderno de Bitácora.

Como xurdiu esta idea? 
Foi bastante espontáneo. Dun día para outro veuse abaixo todo, estábamos a cen por hora e freamos en seco. Sen entender moi ben a situación, coa cancelación dos concertos, quedeime sen nada e algo tiña que facer para entreterme un poco e darlle algo á xente que me segue. Plantexeime o reto diario de subir neses quince días unha composición orixinal.Cando me dei conta pasaran os quince días e o confinamento alargouse. Entón continuei ata os 50 días e 50 composicións.

Cal era o obxectivo?
O obxectivo fíxose máis claro cando pasaron os días. A xente comezou a seguilo e aquela idea de darlle paz á xente acabouse convertendo tamén no meu modo de vida.

En que te inspirabas?
Era un diario do meu sentir de cada día, dos meus sentimentos. Hai días que se nota que estaba máis abatido. Era imposible inspirarse noutra cousa que non fora o que estábamos vivindo dentro da nosa casa.

"Era imposible inspirarse noutra cousa que non fora o que estabamos vivindo dentro da nosa casa"

E o proceso creativo?
Había días que tiña o vértigo de non saber se iba saír a composición. Outros días tiña máis dunha idea. Son cousas da creatividade. Non buscaba a perfección absoluta pero creo que hai pezas que son unha auténtica marabilla. No proceso creativo nunca se sabe, ás veces o espontáneo ten unha forza que non ten o elaborado. É un misteiro para todos os que nos adicamos a isto 

Como foi a acollida da xente?
Fantástica. Se algún día me retrasaba na subida do vídeo xa había xente preguntando se non había peza ese día. A xente agradeceumo moitísimo a través das súas mensaxes. Agradecían a compañía especial destas composicións que lle facían saír do confinamento mentalmente. Era unha maneira de evadirse daquela situación tan dura. A min iso motivoume moito, fíxome moita ilusión que a xente se enganchara.

Que lle aportou o proxecto a súa carreira?
Aportoume compoñer nunha situación na que non compuxera nunca. Levo moitísimos anos compoñendo pero nunca me marcara un reto dese tipo. Aprendín que a creatividade se alimenta de si mesma, canto máis creas, máis ideas tes. Tamén que cando un ten que facer algo realmente o resolve. Son este tipo de cousas as que te poñen diante dos teus límites.

"Aprendín que a creatividade se alimenta de si mesma. Canto máis creas, máis ideas tes. O espontáneo ten unha forza diferente"

Cal será o futuro para estas composicións? 
É unha pregunta que me fixen a min mesmo pero non o sei. De momento están publicadas e todo o mundo pode ir a elas. Tamén ten sentido non tocarlle máis, porque foi algo dese momento. O tempo dirá. 

E o futuro da música? 
Son máis partidario dos concertos de pequeno formato, desde sempre. É una boa oportunidade para outro tipo de músicas, de pequeno formato e pouco público. A música foi creada para comunicar de cerca e non de lonxe. Eu sempre fixen música para minorías e non vou notar a transición.

Comentarios