Zarauza rodará unha película sobre a transformación urbana de Pontevedra

Contará coa participación das actrices Melania Cruz, Marta Lado e Ledicia Sola
Silva y Lores, con Zarauza. DP
photo_camera Silva y Lores, con Zarauza. DP

O director galego Alfonso Zarauza prepara a película Pontevedra, hora cero, un mediometraje que mesturará documental e ficción no que analizará a transformación urbana que experimentou a cidade de Pontevedra.

A película, que se prevé rodar en Pontevedra a principios do próximo mes de novembro, contará coa participación das actrices Melania Cruz, Marta Lado e Ledicia Sola. "Será un relato no que se retrata a alma de Pontevedra desde unha mirada propia do que aquí está a suceder", explicou Zarauza en rolda de prensa, na que recoñeceu que o seu interese persoal na arquitectura e o urbanismo animoulle a emprender este proxecto.

Recoñeceu que esta película lle dá "certa vertixe" porque é a primeira vez que un proxecto lle busca" a el, xa que se trata dun filme impulsado polo Concello de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra.

Aínda que non quixo avanzar moitos detalles sobre a película, o director adiantou que a película mostrará os cambios que experimentou Pontevedra "non cunha mirada zalamera, zafia ou basta, senón cunha mirada honesta e partindo da miña realidade". "É un auténtico reto porque é un tema moi interesante", engadiu o realizador de filmes como Ons, a súa obra máis recente.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou o "enorme valor" que ten o proxecto que dirixirá Alfonso Zarauza porque "non hai nada máis potente" para situar a Pontevedra "no centro do interese a todos os niveis". "O que non se conta deixa de existir e a través deste documental deixaremos un legado para que as próximas xeracións as transformacións de Pontevedra", subliñou Silva.

Niso coincidiu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que mostrou o seu desexo de pór "a Pontevedra no mapa", cun documento que "teña percorrido de presente e futuro" e para iso, apuntou, "o cine é fundamental".

Comentarios