Os de Algures soben ás tecedeiras ao escenario do Teatro Principal

A agrupación de gaiteiros reúne a máis de 50 músicos, actores e bailaríns nun espectáculo inspirado por un tear de arredor de 200 anos

A tecedeira traballando no tear recuperado por Sete Espadelas. RAFA FARIÑA - Os de Algures
photo_camera A tecedeira traballando no tear recuperado por Sete Espadelas. RAFA FARIÑA

"Chorai, canelas, chorai/ que morreu a tecedeira;/ cando as caneliñas choran, que fará a lanzadeira?". Os versos de Lembranza da tecedeira, de Vitoriano Taibo, escoitáronse este domingo no Teatro Principal, onde Os de Algures lle rendían homenaxe precisamente a esta figura, a da tecedeira. Media hora antes do inicio do espectáculo, unha cola que chegaba ata a rúa Michelena daba conta do interese que espertara entre o público esta proposta escénica (con entrada libre) que se enmarca na serie de montaxes que os gaiteiros veñen desenvolvendo co Concello cada ano.

Detalle da recreación dunha voda. RAFA FARIÑA - Os de Algures
Detalle da recreación dunha voda. RAFA FARIÑA
 

Neste caso, todo comezou cun tear de arredor de 200 anos que a asociación Sete Espadelas mercou en Guitiriz. O aparello foi o que inspirou O soño da tecedeira. Máis de 50 persoas entre músicos, actores e bailaríns participaron na nova proposta escenográfica. Ademais da agrupación de gaiteiros, na proposta interviñeron a Aula de Teatro Municipal, os grupos de pandereteiras Solimán e Celme, e o corpo do Ballet Folclórico Galego. "Este é o quinto espectáculo etnográfico que fan Os de Algures", lembraba a concelleira de Cultura, Carme Fouces, hai uns días, na presentación do evento. "Desta vez, no canto de estar adicado a un personaxe relevante [como foron no seu día Casto Sampedro ou Carlos Sobrino, entre outros], estarao a un oficio: o das nosas tecedeiras".

A historia deste espectáculo comezou cando a asociación etnográfica Sete Espadelas (irmá de Os de Algures) foi a Guitiriz (Lugo) a mercar un vello tear nun anticuario. "Atopamos un que levaba 15 anos agochado, en malas condicións, que trouxemos para Pontevedra para intentar recuperalo", explicou José Luís Rodríguez, da asociación organizadora,na mesma presentación. "Colocando as pezas, atopamos agochado entre elas un paquetiño, envolto nun pano de liño, que contiña 25.000 pesetas. Imaxinamos, e isto é cousa nosa, que eran os aforros da tecedeira, que os tiña alí agochados. Nos anos 70 eran bastantes cartos. Así que decidimos facerlle unha homenaxe compoñendo unha historia sobre os soños desa muller".

Detalle do público. RAFA FARIÑA - Os de Algures
Imaxe do público. RAFA FARIÑA

O tear que inspirou O soño da tecedeira, "de arredor de 200 anos", estivo este domingo enriba do escenario do Teatro Principal, no que ademais se recrearon os arcos góticos de Santo Domingo, a entrada dun pazo, un fiadeiro e unha voda. A maiores, escoitáronse 17 pezas musicais e tres poemas, nunha voz en off, que están detrás da concepción desta proposta. Trátase de Lembranza da tecedeira, de Victoriano Taibo; de Cantiga da tecedeira, de Ramón Cabanillas, e de A tecedeira, recollido no Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro.

Comentarios