"O alumnado interioriza que o seu criterio é válido e ten peso suficiente"

Un grupo de 22 escolares do CEIP A Xunqueira I avaliou as 40 actuacións de estudantes de Ciencias da Educación
As dúas gañadoras do 'Univision. Spring Edition' en plena actuación. DP
photo_camera As dúas gañadoras do 'Univision. Spring Edition' en plena actuación. DP

"Son poucas as ocasións nas que aos menores se lles permite xulgar o traballo dos maiores", explica Carmen Quinteiro, docente do CEIP A Xunqueira I e titora do grupo de 22 escolares de terceiro de Primaria que nas últimas semanas sumaron ás habituais actividades que desenvolven na aula unha tarefa diferente, avaliar os preto de 40 vídeos nos que estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte interpretan cancións en inglés, acompañadas das súas correspondentes coreografías.

Trátase do concurso Univisión, promovido por Quinteiro e a profesora da facultade Inés Lareo, que celebrou a súa final o pasado venres, por segunda ocasión de xeito virtual a través de Zoom.

A mestra destaca o positivo de que esta actividade permita achegar esta perspectiva ao seu alumnado. "O grupo, ademais de entender e interiorizar que as persoas adultas poden facelo mellor ou peor do esperado e que non pasa nada, tamén interioriza que o seu criterio é válido, útil e ten a forza e o peso suficiente para ser determinante nun concurso". 

Un total de 73 estudantes de Ciencias da Educación e do Deporte participaron nunha actividade que se insire na materia Idioma estranxeiro: inglés, do Grao en Educación Infantil, e que dá continuidade á primeira edición de Univisión, que tivo lugar en 2020, tamén co grupo de alumnos que titoriza Quinteiro como xurado.

Nesta ocasión, explica Lareo en declaracións ao Duvi, o alto número de vídeos presentado obrigou a cambiar a organización deste concurso, de tal xeito que, desde mediados de abril, os nenos e nenas foron cada día avaliando na aula as diferentes gravacións.

Os estudantes do CEIP A Xunqueira I, de feito, acordaran xa previamente coas docentes, "os aspectos que querían avaliar", de tal xeito que de cada vídeo puntuaron a inclusión de lingua de signos, por contar na aula cunha alumna con problemas auditivos, o entusiasmo dos participantes, o seu ritmo e coordinación, o uso de tecnoloxía e o vestiario e disfraces empregados.

As cualificacións obtidas nunha actividade na que cada membro do xurado exercía como "especialista nun dos temas a puntuar" definiron os once finalistas deste Univisión. Spring Edition, que os universitarios e universitarias non coñeceron ata a propia final. Nela, a rapazada seleccionou como gañadoras a Laura Pascual e Fátima Rodríguez, que participaron coa canción You"ll always find your way home, un tema de estilo country pop composto por Taylor Swift e Martin Johnson e que se estreou en 2009, interpretado por Miley Cyrus no seu papel de Hanna Montana.

"Para o estudantado do grao é un baño de realidade. É a primeira vez que se poñen diante dos seus futuros alumnos e enriba para ser examinados", salienta Lareo.

Laura Pascual e Fátima Rodríguez proclamáronse gañadoras coa canción 'You'll always find your way home'

DIFERENTES APRENDIZAXES. O obxectivo desta actividade, engade a docente do campus pontevedrés, é que o alumnado mellore o seu dominio do inglés, xa que "cantando aprenden a pronunciar moito mellor", pero, principalmente, contribuír a "que perdan a vergoña" á hora de empregar este idioma en público.

Do mesmo xeito, búscase tamén que "exerciten a súa linguaxe corporal e o seu entusiasmo", a través dos bailes e coreografías, así como a súa creatividade, co obxectivo de que "poidan saír de situacións complicadas con enxeño". 

Ao mesmo tempo, esta actividade contribúe tamén a que os nenos e nenas do CEIP A Xunqueira I poidan traballar "o sentido crítico, as matemáticas, a argumentación, a valoración do traballo de outros, a expresión, tanto escrita como oral, ou a organización", salienta Lareo.

Despois do traballo realizado na aula nas últimas semanas, a votación final tivo lugar nunha gala a través de Zoom na que o alumnado, que participou desde as súas casas, acompañado das súas familias, tamén estivo acompañado pola súa titora, quen destacou a gran aprendizaxe que supón esta experiencia.

Comentarios