O alumnado dos Mércores de Arte licénciase como guía do Museo

As crianzas de terceiro de Primaria exerceron de cicerone coas de cuarto de Infantil, que collerán o relevo da actividade o vindeiro curso
Quinteiro explica ao alumnado as normas do xogo na sala 5 de arte galega. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Quinteiro explica ao alumnado as normas do xogo na sala 5 de arte galega. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Nos seus pequenos lombos acumulan máis visitas ao Museo de Pontevedra que a maioría de habitantes da cidade despois de seis anos acudindo case cada semana. É o alumnado da profe Carmen (Quinteiro), quen está a piques de rematar terceiro de Primaria no CEIP A Xunqueira I e que este mércores exerceu de guía para as crianzas máis pequenas do colexio. As 22 "persoas maiores", de oito ou nove anos, acudiron como cada semana ao Edificio Castelao para participar nunha das edicións máis especiais dos Mércores de Arte, porque das súas mans levaban aos once de cuarto de Infantil que xa teñen como afillados e afilladas na horta escolar. O obxectivo é darlles o relevo nesta actividade, de primeira man, de cara ao próximo curso.

A expedición acudiu ao inmoble máis novo do Museo de Pontevedra capitaneada pola propia Quinteiro, a titora de Infantil Mary Durán, a futura mestra Raquel Álvarez e a intérprete de lingua de signos Rebeca Araújo, pois todas as actividades deste grupo son inclusivas.

Os maiores xa saben que teñen que entrar ordenadamente despois de deixar as súas mochilas e cumprir todo o protocolo covid. Tras unha breve sesión de relaxación, os seus pasos encamiñáronos ao segundo andar, dedicado á arte galega, "a la sala de las sillas", por onde se accede ao espazo onde se realizaría o xogo.

O vindeiro mércores será a despedida para os que pasan a cuarto

Quinteiro explica que se trata da primeira actividade que ela fixera co grupo que agora despedirá. "A semana pasada, cando viñemos, escolleron as obras para hoxe". Fixéronlle fotos e pegaron cada unha en once cartolinas que este mércores repartiron a cada trío (dous maiores e un pequeno). O guía en prácticas foi o encargado de localizar a obra nesa sala cinco, mentres os xa expertos coidaban de que se se portaran axeitadamente. "No se puede correr ni tocar las obras", advertíanlles.

Os maiores levaron aos máis pequenos da man polo Museo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Entre as obras elixidas figuraban desde lienzos como Ría de Pontedeume desde Chamoso, de Felipe Bello Piñeiro, á famosa Naiciña de Asorey. Unha vez localizadas, os maiores debían apuntar na cartolina os datos de cada unha ("¿con be o con uve? ¿lleva tilde?") e as docentes tomaban a correspondente fotografía dos tres diante da obra, que se incorporará á propia cartolina. As once conformarán a exposición A miña primeira visita ao Museo, que se poderá ver no colexio proximamente.

Tanto as "persoas maiores" como as pequenas quedaron encantadas coa actividade. "Intégranse de forma conxunta e os maiores responsabilízanse e adquiren destrezas sociais que non tiñan. Funciona moi ben a nivel emocional, á parte da importancia que ten a arte", subliña Quinteiro. O vindeiro mércores será a despedida para os que pasan a cuarto, pero a actividade continuará o próximo curso entre o futuro alumnado de Carmen, de primeiro de Primaria, e estas crianzas de Infantil.

Comentarios