Alumnos do campus de Pontevedra volven ás aulas para examinarse

Estudantes de trece materias de Fisioterapia, Belas Artes e Enxeñería Forestal realizan as probas presenciais entre esta semana e o mes de xullo
Primeros exámenes en la facultad de Fisioterapia. UVIGO
photo_camera Primeiros exames na facultade de Fisioterapia. UVIGO

O alumnado do campus de Pontevedra regresou esta semana ás aulas para enfrontarse aos exames. Ataviados con pantallas e máscaras e con todas as medidas de hixiene e seguridade que implica a nova normalidade, os estudantes de Fisioterapia Belén Gómez e Ismael Carrera convertéronse nos primeiros da Universidade de Vigo en realizar un exame presencial máis de cen días despois de que a crise sanitaria obrigase á suspensión da actividade docente presencial o pasado mes de marzo.

Foi o pasado 2 de xuño cando o Consello de Goberno da UVigo aprobaba a celebración presencial dalgúns exames finais da convocatoria de xullo concretamente en 13 materias das titulacións que se imparten nas facultades de Fisioterapia e Belas Artes e na Escola de Enxeñaría Forestal, que cumprían os requisitos esixidos en canto ao número de estudantes e a imposibilidade de avaliar as materias sen celebrar unha proba presencial.

Fisioterapia acolle durante esta semana as probas correspondentes á parte práctica de tres materias e a EE Forestal celebrará tamén tres exames presenciais nesta convocatoria. Por outra banda, ao longo do mes de xullo terán lugar en Belas Artes ata sete avaliacións presenciais.

En todos os casos, os estudantes acceden aos laboratorios por parellas, de maneira que un realizará os exercicios propostos mentres o outro exerce como paciente. "Trátase de exames que realizan moi poucos alumnos", manifestou a decana de Fisioterapia, Eva Lantarón, que destacou que o alumnado debe realizar os exames ataviados cos correspondentes equipos de protección individual, procedéndose a desinfectar o material empregado entre proba e proba.

Catorce alumnos máis se examinarán o resto da semana da materia de Fisioterapia respiratoria e masoterapia especial, nun exame que para garantir as medidas de seguridade, "levarase a cabo en dous días, en dous laboratorios á vez", explica Lantarón.

FORESTAIS. Por outra banda, esta semana comezarán a realizarse na Escola de Enxeñaría Forestal os exames presenciais aprobados para esta convocatoria. Trátase das materias de Patoloxía e pragas forestais, que require do uso de material de laboratorio e ao que acudirán tres estudantes. As outras dúas probas de Botánica e Zooloxía, só serán realizadas de forma presencial por unha alumna do Programa de Integración de Universitarios/as con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (Piune), que así o solicitou, manténdose a modalidade virtual para os demais.

PROXECTOS ARTÍSTICOS. Tamén en Belas Artes levarán a cabo ata sete avaliacións de tipo presencial ao longo do mes de xullo. Trátase das referidas á materia Proxectos de escultura e instalacións, dada a importancia que ten nesta materia o espazo de intervención e a súa transformación, así como a defensa de traballos de fin de grao, en ambos os casos só para casos concretos, por parte dun número reducido de alumnos. No caso dos TFG, tal e como explicou o seu coordinador, Juan Loeck, "agárdase que a maior parte dos alumnos e alumnas, presenten os seus traballos de maneira virtual, como está sucedendo na convocatoria de xuño, mais ofrécéselle tamén a posibilidade de solicitar a defensa presencial, para casos como, por exemplo, os de instalacións tridimensionais". Nestes casos, o alumnado encargarase de montar os seus proxectos con antelación "en espazos compartimentados da facultade e non estarán presentes durante a avaliación do tribunal", explica.

As outro cinco probas que se farán de xeito presencial corresponden ao máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, Proxectos de deseño I, Proxectos de deseño II e Procesos de investigación e creación, o Laboratorio de materiais, ou a presentación dos traballos de fin de máster.

Comentarios