Tres alumnos da comarca, premios de emprendemento

Celia Gómez e Mauro Costa, do CEIP de Riomaior, e Aarón Ledo, do IES Luís Seoane, entre os galardonados do programa Atrévete

Os premiados coa conselleira, Carmen Pomar. CEDIDA
photo_camera Os premiados coa conselleira, Carmen Pomar. CEDIDA

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, presidiu este luns a entrega dos premios do programa Atrévete, enmarcado no Plan de Emprendemento do sistema educativo de Galicia, Eduemprende, na que resultaron galardoados 43 estudantes. Este certame ten como obxectivo fomentar, motivar, e sensibilizar no espírito emprendedor o alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO dos centros sostidos con fondos públicos.

Deles, tres foron estudantes da área de Pontevedra: Celia Gómez Novas e Mauro Costa Blanco, do CEIP Plurilingüe de Riomaior (Vilaboa), e Aarón Ledo Arzúa, do IES Luís Seoane, de Pontevedra. Os dous primeiros presentaron os proxectos Somos soñadores infinitos e Create your game, respectivamente, para os que contaron coa colaboración do CIFP Carlos Oroza. Ledo presentou unha Minicasa ecolóxica, unha iniciativa na que tivo o apoio da AJE. Esta asociación tamén colaborou cun cuarto proxecto premiado, Carteira pegada dixital, de Sara Miranda Martins Alpoim, do CPR Plurilingüe Lar (Mos).

"Estas iniciativas transmiten valores como o traballo en equipo, a curiosidade e a creatividade", dixo Pomar

Durante a súa intervención a conselleira sinalou a importancia deste tipo de iniciativas "que transmiten, máis aló de coñecementos puntuais, valores e actitudes vitais, como o traballo en equipo, a curiosidade e a creatividade, o interese por buscar novos camiños, a paixón polo estudo e a capacidade de superación dos problemas por novas vías". Neste sentido explicou que os traballos presentados ao certame xa converten as alumnas e alumnos en emprendedores desde as aulas. "Pode que ese espírito vos impregne e vos convirta, ao cabo dos anos, tamén en emprendedores no futuro, capaces de deseñar alternativas laborais viables e crear emprego a partir da innovación".

Pomar quixo, así mesmo, agradecer o traballo dos docentes arredor deste programa e a colaboración das empresas e asociacións empresariais polo seu "compromiso coa formación das xeracións máis novas en valores intrínsecos do emprendemento como iniciativa persoal, e responsabilidade".

DOUS FOLIOS. Ao longo do curso o alumnado participante, acompañado do seu profesorado, participou en actividades de fomento do emprendemento, que incluíron visitas ás 25 empresas e once asociacións empresariais. Deste xeito, ademais de achegarlle ao alumnado o tecido industrial da súa contorna, a iniciativa permítelle coñecer de primeira man a experiencia de empresarios e persoas emprendedoras. Así mesmo, o alumnado, guiado polos seus docentes, realizou exercicios na aula arredor de conceptos como a motivación, a autoestima, a comunicación, a toma de decisións, o traballo en equipo, a responsabilidade ou a creatividade, entre outras. Para o desenvolvemento do programa contouse tamén coa colaboración de 11 IES e CIFP.

Unha vez realizadas estas actividades, os estudantes participan no certame presentando unha boa idea de negocio, de forma individual, redactada como máximo en dous folios.

Comentarios