Alumnos de sexto de Medicina rematan a súa formación na Área Sanitaria de Pontevedra

Un total de 22 estudantes da USC foron recibidos este luns e comezarán a rotar en varios servizos dos hospitais Montecelo e Provincial
As novas alumnas e alumnos, onte, a súa chegada a Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés. DP
photo_camera As novas alumnas e alumnos, onte, a súa chegada a Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés. DP

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés recibiu este luns a 22 estudantes de sexto de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, que inician o seu curso académico no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Ao longo desta semana, estes alumnos comezan o seu plan de formación práctica, no que rotarán por diversos servizos especializados dos hospitais Montecelo e Provincial, do centro de especialidades de Mollabao e do centro de saúde de A Parda.

Divididos en dous grupos, os estudantes de sexto curso de Medicina levarán a cabo rotacións, regradas e obrigatorias, por servizos coma Pediatría, Obstetricia e Xinecoloxía, Psiquiatría, Medicina Interna, Urxencias, Cirurxía Xeral e Medicina Familiar entre outros, sempre baixo a supervisión dos seus respectivos titores coordinadores.

Así mesmo, estes alumnos tamén terán a oportunidade de achegarse a outros servizos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, xa sexan da área médica, cirúrxica ou médico-cirúrxica para, finalmente, ser avaliados ao remate do curso.

Este é o oitavo ano que o Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés impartirá de xeito completo o último curso do grao de Medicina, trala súa declaración coma hospital universitario a finais do ano 2012.

Grazas a este plan de formación, os estudantes benefícianse de poder realizar a totalidade do último curso de Medicina nun entorno sanitario de recoñecido prestixio, tanto polas súas instalacións como polos seus profesionais, a través dun completo programa rotatorio de prácticas, no que contarán de xeito continuado co apoio dun titor coordinador.

No que atinxe ao plan de formación, as liñas de traballo deste programa afondarán nas competencias máis específicas, afianzando os coñecementos globais previos, acadando un maior aproveitamento dos recursos do Servizo Galego de Saúde e a homoxeneización da docencia no eido sanitario.

Comentarios