A ampliación do polígono do Vao cumpre 18 anos sen prazos para o inicio de obra

O TSXG acaba de rexeitar un recurso de Brico King contra o plan urbanístico de 2017 que o Concello aprobou para executar o parque
2020100609420030289
photo_camera Parcela na que se construirá a segunda fase do polígono do Vao, entre a estrada de Vilagarcía e a autoestrada. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A ampliación do polígono do Vao cumpre 18 anos sen prazos concretos para o inicio de obra. A burocracia segue atascando un proxecto que a inmobiliaria Ponteno, vinculada ao Grupo Nogar, impulsou co obxectivo de xerar 230 postos de traballo, dos cales 190 serían directos e 40 indirectos. Estes últimos estarían relacionados con servizos auxiliares como transporte de mercancías, limpeza, vixilancia e mantemento.

A portavoz do Concello, Anabel Gulías, asegurou este luns que a esta iniciativa empresarial aínda lle faltan dous trámites para saír adiante. O primeiro é a inscrición da parcela na que se vai levantar o parque no Rexistro da Propiedade. E a segunda ten que ver coa subsanación, por parte de Ponteno, dun informe desfavorable de Auga de Galicia, un organismo que depende da Xunta.

A edil do BNG tamén informou dunha sentencia ditada este verán polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o plan urbanístico que no seu día aprobou o Concello para dar encaixe legal á segunda fase do polígono do Vao. A resolución da Sala Segunda do Contencioso-Administrativo do TSXG, con data do pasado 24 de xullo, rexeita o recurso presentado por Brico King contra a modificación puntual do PXOM que Pontevedra aprobou en xaneiro de 2017.

O fallo avala o documento urbanístico do Concello, "baseada na necesidade de redelimitar o ámbito para adaptalo á realidade física actual e as modificacións que no mesmo supuxo o cambio de trazado das vías, á vez que se incorpora a ordenación detallada que demostra a viabilidade do desenvolvemento dese sector de chan urbanizable".

Gulías afirma que ao proxecto só lle falta a inscrición no Rexistro da Propiedade e emendar un informe desfavorable da Xunta

A sentenza do alto tribunal galego, que non é firme, tamén ten en consideración a "dinamización do comercio local, a creación de postos de traballo" e o feito de que a parcela estaba clasificada xa como "chan urbanizable". Gulías descartou que a compañía de bricolaxe presente un recurso ante o Tribunal Supremo ao entender que lle sería "difícil" xustificar a casación.

A confusa tramitación da ampliación do polígono do Vao afectará aos prazos do proxecto, que tería que estar listo este verán. Ponteno deberá solicitar unha ampliación da autorización comercial que a Consellería de Industria aprobou en 2018 para realizar a urbanización da parcela e construír as naves comerciais.

SETE EMPRESAS. A previsión inicial dos promotores é que o parque abrise con sete empresas. Entre elas figuran a multinacional danesa JYSK, dedicada ao sector dos mobles e ao enxoval; Decathlon, centrada na venda de roupa e material deportivo; Norauto, relacionada co sector da automoción; Leroy Merlin, que se fusionou con Aki e que desenvolve a súa actividade no ámbito da bricolaxe; McDonald's, dedicada á comida rápida; Vegalsa-Eroski, do ámbito da alimentación, e Tiendanimal, unha cadea de produtos para mascotas.

A segunda fase do polígono do Vao, que no seu día se incluíu no errado concurso eólico impulsado pola Xunta en 2010, tivo que superar todo tipo de filtros e informes. Tanto os do Concello como os da Xunta e do Goberno central.

A entrada ao recinto farase pola rotonda do Vao e por unha nova glorieta no Sur da parcela.

Comentarios