Amupo solicítalle á Xunta a declaración de BIC para o Pazo de Lourizán

A asociación, que conta co apoio formal da RAGBA, considera "urxente" que se protexa o espazo ante a situación de deteriorio que sofre o inmoble e a súa contorna

Ernesto Vázquez-Rey, no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra. BELÉN LÓPEZ
photo_camera Ernesto Vázquez-Rey, no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra. BELÉN LÓPEZ

A Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra (Amupo) presentou onte oficialmente ante a Xunta de Galicia a solicitude de declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para o Pazo de Lourizán. «Consideramos urxente que se tramite esta petición porque, canto máis tempo pase, a situación de abandono e deterioro que sofre o inmoble e a súa contorna vai ir a peor», indicou o presidente da asociación, Ernesto Vázquez-Rey, ao tempo que lembrou que, entre outras cousas, a galería norte xa está apuntalada. "Tanto o Concello como a Deputación, actual propietaria, teñen a obriga legal de conservar o Pazo como os seus elementos. É evidente que non o fan. Realizáronse unha serie de intervencións nefastas ou contrarias á súa protección como foi o uso dun cemento de pésima calidade nas cubertas, que rematou por abrir a galería e encher a cornixa de estalactitas".

A solicitude de Amupo, que agora valorará a Dirección Xeral de Patrimonio, apóiase nun estudo previo da historia e do estado deste espazo realizado pola propia asociación e conta co apoio formal da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), un dos organismos externos que a Xunta pode consultar para levar a cabo estas declaracións. Tamén o son o Consello da Cultura Galega, o CSIC, o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento e as Universidades. A petición de Amupo inclúe, non só o Pazo, senón tamén todo o espazo que o rodea e os elementos que contén, dende as fontes, o invernadoiro, as ruínas do serradoiro, as grutas e o xardín, entre outras cousas. "En concreto, pedimos a declaración de BIC para as 52 hectáreas da finca".

ESTATUA DE COLÓN. Entre as aspiracións da asociación está a de restaurar o Pazo de Lourizán e a de devolverlle o seu contido orixinal. "Entre outras cousas, por exemplo, a estatua de Colón que hoxe está nos xardíns de Vicenti. Debería volver ao seu lugar orixinal e, se é necesario, colocar neste outro espazo unha réplica".

Vázquez-Rey lembrou onte a importancia que tería "para este espazo e para Pontevedra" acadar a consideración de BIC. "Estariamos a falar de protexer oficialmente un pulmón entre Marín e Pontevedra, un lugar situado estratexicamente entre os dous concellos. Ademais, a declaración limitaría a actividade que Ence realiza agora mesmo enfronte do Pazo e aseguraría que non seguise ocupando espazo para as súas actividades".

Amupo considera que a declaración de BIC debe chegar. "O Pazo de Lourizán axústase tanto á convención da ONU ao respecto como as leis estatais e autonómicas".

Sobre o Museo: "Preocúpanos que vai pasar tras a marcha de Valle"
O presidente de Amupo aproveitou o acto de onte para facerse eco da preocupación dos empregados do Museo de Pontevedra sobre o que vai pasar na institución trala xubilación do actual director, Carlos Valle, que se fará efectiva o 25 de novembro. "Preocúpanos moito que vai pasar nesta nova etapa, da que nada se sabe. Cónstanos que hai varios proxectos que van quedar paralizados porque ninguén vai poder asinar nada nin responsabilizarse de nada", explicou Vázquez-Rey. "Preocúpanos que a uns días de que Valle deixe o seu posto non se coñezan os plans da Deputación para o Museo e preocúpanos unha parálise neste organismo cando esta situación podía terse previsto e resolto con anterioridade para que Valle colaborarase co novo responsable e agora houbese unha continuidade".

 

Comentarios