Pontón: "O gran reto que temos é poñer en marcha un cambio real en Galiza no 2019"

A voceira nacional do BNG asegura que "outra Galiza é posible" e cre que as próximas eleccións "son o primeiro paso para conseguila"
Ana Pontón. GONZALO GARCÍA
photo_camera Ana Pontón. GONZALO GARCÍA

A LÍDER do BNG recorre estes días a AP9 entre reunións e mitins políticos. A poucas horas do inicio da campaña do 10N, Ana Pontón (Sarria, 1977) fixo unha parada á beira do Lérez para falar de política, de feminismo e de futuro. “Outra Galiza é posible", di. "E estas eleccións son o primeiro paso para conseguila".

Di o BNG que Desta vai, acuñando unha das frases máis escoitadas no 8M por parte do feminismo galego, pero as enquisas non din o mesmo. Preocúpalle?

As enquisas son enquisas e o que nos vale son os resultados finais. O relevante é a tendencia, e o que estamos vendo é que é a tendencia é que o BNG é unha forza á alza. O que vemos en todos o nosos actos e na rúa é que hai moitas persoas cansadas do bipartidismo, do espectáculo que están dando as forzas estatais e de que se discrimine a Galiza. E que este 10N van aproveitar o fracaso da política que se fai desde Madrid para darlle unha oportunidade a este país e que non só teñamos voz propia, senón que sexamos decisivos e decisivas nun contexto no que non hai maiorías.

Co enfado que se percibe na esquerda e a división das Mareas, que expectativas teñen?

Non nos poñemos límites. Vamos a por todas, vamos con forzas. Estamos convencidos e convencidas de que o 10N imos ter un gran resultado. O trascendente é que o Bloque volva ter voz en Madrid , porque é unha representación que vai máis alá dun partido político. É a representación de Galiza e o que nos permite existir como nación no Estado. Cando o BNG non está vaille mal a Galiza. Vémolo nos investimentos, pero tamén en todos os proxectos paralizados no país, na desidia que hai cunha crise industrial que afecta a ámbitos importante da nosa actividade económica. Isto é consecuencia dunhas forzas políticas en Madrid que están ó servizo dos seus partidos, pero tamén dun Goberno da Xunta que o que fai é o mesmo, partidismo para o PP, pero que é incapaz de solucionar os problemas que temos no país.

"Unha das primeiras cousas que faría se fose presidenta da Xunta sería derogar o decreto da vergoña do galego"

Percibe que a xente está farta da política?

A xente está farta da política frívola. Nós o que ofrecemos desde o BNG é política con maiúsculas, que pensa nos intereses dos galegos e as galegas e unha forza política seria que ademais suma. Para poder ter a confianza da xente tes que ter ideas, proxectos que representan unha alternativa de futuro clave para Galiza. Hoxe o único partido que ten iso é o BNG.

Tan difícil é chegar a acordos?

Non para o BNG. O acordo forma parte da nosa maneira de entender a política. Fomos capaces de chegar a acordos con proxectos políticos diferentes en base a un programa. O acordo que temos con Compromiso por Galicia é o reflexo de que a candidatura do BNG de cara o 10N é unha candidatura de país e persoas e proxectos cos que temos diferenzas desde o punto de vista ideolóxico e que somos capaces de unirnos en base a un obxectivo común que é que Galiza volva ter voz en Madrid.

No 2016 era vostede elixida para liderar o BNG. Que mudou nestes tres anos?

Esta foi unha lexislatura perdida para Galiza onde o Goberno da Xunta non estivo á altura. Todo o mundo fala de que vén unha desaceleración económica, e paréceme alarmante que hoxe Galiza non estea en mellores condicións que hai dez anos para enfrontar esa crise, e non o está porque nesta década de Feijóo perdemos elementos moi importantes: recentralizouse aínda máis o poder político, temos menos músculo desde o punto de vista de capacidade para intervir na economía, a perda das caixas é un gran lastre para o desenvolvemento económico e hai reformas estruturais que se tiñan que ter feito e facer unha aposta polo noso e pola innovación. O principal problema que ten Galiza é que temos un Goberno que non ten ningún proxecto. O gran reto que temos é que no 2019 sexamos capaces de poñer en marcha un cambio real que quen o pode garantizar é o BNG.

"Ence non pode seguir na ría de Pontevedra e o que hai que poñer en marcha é un plan de traslado"

Ante a crise de Alcoa, As Pontes, por unha banda, o Brexit no horizonte... Cal é a realidade económica de Galicia? Ocupa o espazo que merece no debate electoral?

É moi grave que teñamos unha crise industrial e que nin o Goberno do Estado nin o da Xunta teña ningún tipo de alternativas. A Xunta ten responsabilidades nesta crise industrial. Sabía que era necesario abordar a descarbonización. Mentres outras nacións do Estado teñen encentado ese camiño aquí non había ningún traballo feito. Temos casos como a deslocalización de R, a crise do naval... Non pode ser que na campaña de 2012 o señor Feijóo se presentase como o salvador de Barreras, que puxera a Pemex no accionariado, que haxa un vínculo claro entre a dirección de Barreras e o PP e que agora poña de perfil cando hai mil postos de traballo en xogo, trinta empresas auxiliares afogadas polos impagos de Barreras e que non fagan nada. Nós temos unhas propostas moi claras. Si Barreras era unha empresa pública e coa privatización o que se fai é arruinala vamos a tomar o control público desa empresa. É necesario facer unha aposta porque a nosa electricidade deixe de ser única e exclusivamente un elemento co que gañan as eléctricas. Nós queremos que gañe Galiza, por iso estamos reclamando unha tarifa eléctrica galega que permita que a electricidade sexa máis barata para as persoas e tamén para o tecido empresarial. Se empezamos a poñer en marcha cambios estruturais neste ámbito e facemos unha aposta clara e decidida pola innovación estou convencida de que imos saír fortalecidos de calquera ciclo económico.

E Ence? Que ten que acontecer coa pasteira?

A postura do BNG está moi clara ao respecto. Ence non pode seguir na ría de Pontevedra e o que hai que poñer en marcha é un plan de traslado. Vimos como todas as empresas contaminantes se eliminaban dos entornos urbanos, por que en Pontevedra non se vai poder facer? Se ademais vemos que cando iso acontece mellora a calidade de vida dos cidadáns. Non nos poden dicir que Ence non se traslada porque non quere a empresa. É curioso como na Coruña se chegou a un acordo para quitar a refinaría do porto, e aquí nos din que non é posible quitar a Ence da ría? Non é de recibo.

Coa ameaza da multa da UE sobrevoando as rías galegas e a emerxencia climática, por que non se acaba de chegar a acordos entre administracións para o saneamento da ría?

Para nós é unha prioridade non só falar do saneamento senón da rexeneración total das rías, que vai moito máis alá de acabar coa rede de depuradoras, aquí a Xunta leva moito tempo sen exercer as súas competencias e querendo presentar isto como un pim pam pum cos concellos. O que ten que facer é definir a ubicación e aplicar un modelo que sexa sostible e non ir cunha macrodepuradora que sabemos que pode acabar converténdose nun problema e que non foi a solución en ningunha das outras rías.

Cales son para Ana Pontón as prioridades para Galicia en Madrid?

Lamentablemente, a capacidade de decisión da Xunta en moitos ámbitos é moi limitada e en Madrid tómanse moitas decisións. Nós queremos a transferencia da AP9 e acabar coa estafa das peaxes. É necesario que se recupere o Pazo de Meirás e todos os bens expoliados polo franquismo. Logo hai cuestións como o modelo de financiamento onde Galiza si ou si necesita dar un paso adiante e ter o control dos recursos. Porque estamos vendo que cando deciden en Madrid deciden por nós e moitas veces van en contra dos nosos intereses. É fundamental deixar atrás esa década perdida polo Partido Popular e apostar por quen ten unha alternativa de futuro. Mira, nestes últimos catro anos tivemos gobernos do PP e do PSOE e nos asuntos de Galiza é que se comportan case como dúas gotas de auga. Hai dúas grandes obras que están pendentes para esta cidade, unha é a circunvalación, outra o nó dos Bombeiros e curiosamente desde que o BNG non está no Congreso están paralizadas. Non creo que sexa unha casualidade. Temos que dicir alto e claro que a Galiza non se lle pode seguir discriminando.

Di que a marca BNG cotiza á alza, e o nacionalismo? Cataluña resta?

O que acontece en Cataluña nos afecta a todos e todas. Ningunha persoa que teña conviccións democráticas pode velo desde a distancia. É moi grave que se estean producindo ataques á dereitos e liberdades básicas. Un gran erro que está cometendo a dereita española é non darse conta que ante os problemas políticos hai que facer política. Non se quere abordar un debate que está abrindo a sociedade catalana e o que non se pode pretender é responder con represión, cremos que na política o que debe reinar é o diálogo e a vontade cidadá non se pode coartar. A todos nos debería preocupar esta versión regresiva e de recortes de dereitos que se está producindo no Estado español, que afecta a cidadáns que queren decidir o seu futuro libremente pero nos afecta noutros ámbitos tamén. Preocúpame moito que despois de que o PP perdera a maioría absoluta sigue intacta a lei mordaza, a LOMCE ou as contrarreformas laborais que nos restan dereitos, que deixan nunha desprotección terrible a traballadores e traballadoras.

É a única líder dunha formación política en Galicia e das poucas a nivel estatal. Que lugar ocupa o feminismo na axenda do BNG?

O feito de que se comente xa é un síntoma de que non é o normal de como está o tema da desigualdade. A nosa participación en política é importante tamén para darlle peso ao debate da igualdade. É importante que as mulleres participemos coa vocación de que outras mulleres loitaron antes por nós. Estamos nun momento no que vemos avances e tamén retrocesos e é clave que nos impliquemos e que poñamos en marcha a axenda feminista, que en Galiza está pendente. Acabamos de vivir dous grandes procesos mobilizadores nos últimos anos pero os poderes públicos non tomaron nota e hai que darlle unha resposta ó malestar que están expresando as mulleres nas rúas. Ademais, unha democracia non será plena ata que haxa igualdade real.

Aínda ten un ano para pensalo pero, que sería o primeiro que faría Ana Pontón se chega a San Caetano?

Teño clarísimo que hai varias medidas que me gustaría tomar. Unha das primeiras é derogar o decreto da vergoña que está facendo que o galego estea discriminado. É o resultado da política lingüística do PP que está favorecendo unha desgaleguización, pero tamén hai enfronte milleiros de galegos e galegas con vontade de manter a lingua e a nosa identidade. O que sei e estou convencida é que con outra política que poña en valor a importancia que ten ter unha lingua propia veremos o rexurdir do galego.

Comentarios