Este ano e os próximos "avecíñanse máis oposicións que nunca"

A Xunta anunciou a primeira oposición libre en anos e do Estado hai confirmadas xa máis de 21.000 prazas este 2022
Oposiciones celebradas a principios de año en el Recinto Feiral. G. GARCÍA
photo_camera Oposiciones celebradas a principios de año en el Recinto Feiral. G. GARCÍA

O envellecemento do funcionariado e as xubilacións masivas que deberá afrontar o sector público nos próximos anos implican unha necesaria substitución xeracional que debería facer que o número de prazas aumente nas seguintes convocatorias. Ademáis, o adiamento dos procesos selectivos de 2020 a 2021 por mor da pandemia xerou que a suma total de prazas ofertadas creza considerablemente para as oposicións de 2022. Segundo sinalan desde CEAC, "a Oferta Pública de Emprego e as prazas acumuladas nos últimos anos fan que teñan que ir saíndo ata 56.000 prazas de funcionarios entre este ano e os seguintes".

"Avecíñanse máis oposicións que nunca. Este 2022 é ideal para opositar xa que se terán moitas máis posibilidades de conseguir unha praza" pola "maior cantidade de xubilacións" e porque "a dispoñibilidade de prazas dispárase e aparecen máis oportunidades e convocatorias", indica a mesma fonte.

Segundo CEAC, en España terán que ir saíndo ata 56.000 prazas entre 2022 e os próximos exercicios

Ademais das que lancen os concellos e a Deputación, a Xunta iniciou o proceso para convocar unha primeira quenda de prazas de emprego público a través de oposición libre, un sistema polo que facía anos que a Administración autonómica non optaba, pois o que viña empregando nos últimos tempos era o concurso-oposición. A diferenza é que a estas poderá presentarse calquera que cumpra os requisitos da convocatoria e as súas posibilidades de lograr unha praza dependerán exclusivamente dos resultados que obteña no proceso selectivo, sen que haxa unha fase de concurso na que se valoren os méritos de experiencia profesional ou de formación académica. O anuncio (inicialmente falouse dun total de 720 prazas) xa provocou un boom de matrículas nas academias de formación.

A maiores das da Administración autonómica, segundo CEAC no Estado hai máis de 21.000 prazas confirmadas para este 2022 e o número vai en aumento. "Entre elas, destaca Correos, que convocou a súa maior oferta en décadas, con 5.377 prazas. De Auxilio Xudicial aínda non se publicou no BOE, pero a previsión é que este ano haxa máis de 1.800 prazas. Ademais, para as oposicións a Policía Nacional e Garda Civil aínda non hai anuncio, aínda que se convocan todos os anos, e prevese que as probas para a Policía Nacional serán nos meses finais de 2022, mentres que as de Garda Civil espéranse para o verán. Para o resto de oposicións aínda non hai anuncio oficial, aínda que o máis seguro é que as probas sexan entre verán e finais de 2022", indicaron desde o mesmo centro de formación para o emprego.

Comentarios