Cinco anos cultivando o sabor máis especial

O CIFP Carlos Oroza celebrou o quinto aniversario da súa horta ecolóxica cun menú elaborado con produtos de proximidade
O alumnado de segundo do CS de Dirección de Cociña elaborou o menú. DP
photo_camera O alumnado de segundo do CS de Dirección de Cociña elaborou o menú. GONZALO GARCÍA

Parece que foi onte, pero a Horta Oroza xa cumpriu cinco anos. Un lustro no que o espazo anexo ao CIFP Carlos Oroza medrou en extensión e en variedade e que este venres protagonizou un xantar moi especial. "Este xantar é unha homenaxe á nosa horta, que cumpre cinco anos ofrecéndonos produtos sanos e totalmente ecolóxicos que se cultivan con moito agarimo pola comunidade educativa do centro", explicou o equipo directivo deste instituto, que acolle a máis de 400 alumnos.

O estudantado de segundo do CS de Dirección de Cociña foi o encargado de elaborar o menú do venres, mentres na sala exerceu o seu labor o de Dirección de Servizos de Restauración.

Todos os produtos que se utilizaron para este menú eran de proximidade, cultivados sen aditivos, sen pesticidas nin compostos químicos, tanto os da propia horta como os achegados polos proveedores participantes (Ecocelta, Casa Grande de Xanceda, Pazo Vilane, Castaña de Galicia, Mercado da Cosecha, O Mercado de Pontevedra, Pesca de Rías ou os de ecoagricultura Domaine de Saint Gery, de Francia). "No noso caso son produtos de tempada e cun alto valor engadido polos coidados que se lle prestan, desde o compost co que se abona a horta e obtido no propio centro co plan Revitaliza, ata a colleita para o seu uso nos talleres de cociña e de servizos e posterior uso dos restos orgánicos para producir máis compost", explica o centro.

Xantar no CIFP Carlos Oroza. GONZALO GARCÍA

Deste xeito, o menú é un compendio "dos ideais do centro para os vindeiros anos": produtos naturais procedentes do contorno máis próximo, proveedores con cultivos e producións sostibles, mínimo desperdicio alimentario, práctica da economía circular coa horta como fío condutor e recollida de produtos da horta na súa tempada para, a través de diferentes técnicas, ensinar ao alumnado a conservalos para o seu consumo noutras épocas do ano. Todo isto conforma "unha cultura de alimentación saudable, sostible e respetuosa, para toda a comunidade educativa".

Á cita non faltaron autoridades como o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

O menú
Petiscos. Tosta de lombo de porc noir gascón aux aromats; mi-cuit elaborado no centro, ventresca de porc noir gascón e hortalizas e boletos confeitados, crema de pataca e piment d'Espelette AOP Bio.

Da terra. Tartar de tomate confeitado, ovo mollet, crema de queixo, aromáticas. Este prato maridouse con viños brancos ecolóxicos de pequenas produtoras galegas como o albariño Corica.

Do mar. O prato principal foi o polbo á brasa, porro e cenoura tenra, salsa verde e tella de herbas da horta. Esta receita maridouse con viño tinto, variedade mencía, da adega Paco & Lola.

Sobremesa. Semifrío de amorodo, núcleo de queixo, castaña e cantareras. Para acompañalo, viño doce Xerez Cream. O menú completouse con café de cultivo ecolóxico e infusións de herbas aromáticas da horta.

Comentarios