Dous anos de prisión por roubar nun local de hostalería de Santa María de Xeve

Audiencia Provincial de Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Audiencia Provincial de Pontevedra. DAVID FREIRE

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra deu por boa a sentenza emitida polo Xulgado do Penal 2 da Parda, que condenou a dous anos de prisión a un individuo con adicción ás sustancias estupefacientes como autor dun delito de roubo con forza en local aberto ao público fóra das horas de apertura.

Os feitos relatados sucederon na madrugada do 20 de setembro de 2016, cando o investigado, que contaba con antecedentes cancelados poucos meses antes por delitos similares, concertado previamente con persoas non identificadas, accedeu a un bar situado na parroquia de Santa María de Xeve. Para iso, tal e como detalla a sentenza, "procedeu a violentar unha das fiestras, situada a tres metros de altura" e, xa no interior, apoderouse dun computador Acer, da caixa rexistradora, que contiña uns 300 euros, e de tres décimos de lotería premiados con 8 euros cada un. Ademais, fíxose cun teléfono móbil e cun bote que tiña "ao redor de 3.000 euros". De todo iso puidéronse recuperar o móbil, o computador e a caixa, pero non o diñeiro.

Para fixar a sentenza, o xuíz tivo en conta que o investigado padece unha síndrome de dependencia das drogas "en grao moderado", polo que se considerou circunstancia atenuante, o que reduciu a relevancia da súa acreditada reincidencia no delito.