Anulada a adxudicación dunha praza na Escola de Restauración tras a denuncia da CIG

O sindicato defende que o fallo do TSXG "confirma" a existencia dun caso de "enchufismo"

Escuela de Restauración de Pontevedra. GOOGLE MAPS
photo_camera Escola de Restauración de Pontevedra. GOOGLE MAPS

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a creación e adxudicación dunha praza na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra que fora denunciada por "enchufismo" pola CIG. 

A sentenza, con data do 17 de outubro, estima o recurso interposto polo sindicato nacionalista contra a desestimación por silencio administrativo por parte da Consellería de Educación á resolución do 2 de maio de 2016 que facía pública a adxudicación definitiva de destinos no concurso xeral de traslados de persoal funcionario docente, convocado o 13 de xaneiro dese ano. 

Segundo destacou a CIG, o fallo do alto tribunal galego "confirma" todas as acusacións do sindicato, que denunciaba este caso de "enchufismo" coa creación e adxudicación dunha praza na citada escola pontevedresa. 

A central nacionalista explicou que os feitos comezaron xa en 2014, cando se pretende incorporar irregularmente a unha lista de interinos a unha persoa, naquel momento funcionaria de carreira en Asturias". Conforme sinala a CIG, a afectada é "cuñada" dun alto cargo da Xunta, a secretaria xeral de Igualdade. 

Respecto diso, o sindicato considera que o tribunal lle dá a razón ante a "torta actuación" do Goberno galego para "integrar" a esta persoa na función pública galega, "creando unha praza dunha especialidade que non se imparte en Galicia e que non era necesaria no centro (Conservación e restauración de documento gráfico)". 

Ante estas cuestións, a CIG esixiu a "inmediata execución da sentenza" e reiterou a súa demanda de asumir unha política de total "transparencia na xestión das prazas que se ofertan nos diferentes concursos". O TSXG sinala que contra este fallo pode interporse recurso ante o Tribunal Supremo. 

Comentarios