viernes. 16.04.2021 |
El tiempo
viernes. 16.04.2021
El tiempo

A Asociación pola Defensa da Ría denuncia o presidente de Ence

Imagen actual de la planta de Ence en Lourizán. RAFA FARIÑA
A planta de Ence en Lourizán. RAFA FARIÑA
A empresa defende a seguridade da planta e insiste en que as palabras do Ceo sinaladas pola asociación están "descontextualizadas"

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) presentou unha denuncia no xulgado de instrución de garda de Pontevedra contra o presidente de Ence, Ignacio Colmenares y Brunet, polas súas recentes palabras sobre o estado da central pontevedresa de Lourizán. A compañía respondeu á denuncia este mesmo xoves, a través dun comunicado no que insiste, para empezar, en que o complexo é "totalmente seguro".

A denuncia, anunciada xa tras coñecerse o vídeo do que están extraídas as declaracións de Colmenares, foi presentada este mércores e, segundo informa o presidente da APDR, Antón Masa, céntrase en dúas cuestións fundamentais. A primeira delas, segundo asegura, no feito de intentar "chantaxear repetidamente a un alto cargo do Goberno"

En concreto, a asociación considera de suma "gravidade" que Ignacio Colmenares acuda ata sete veces a reunirse co secretario do Estado para que modifiquen un texto legal que "estivo en exposición pública", polo que Ence "puido alegar o que considerase oportuno". "Pretender cambiar un texto legal mediante a presión aos órganos do Goberno non é admisible nun Estado democrático, e incluso poida que se trate dun feito delituoso", considerou. 

O colectivo acusa a Ence de poñer "en risco o medio ambiente, as vidas dos traballadores e a poboación da contorna" ao non investir no complexo 

O outro punto que aborda a denuncia refírese á situación da planta. Nesa liña, a APDR denuncia que, a pesar de coñecer o seu estado e que "pode derivar nun episodio ambiental de gravidade, con afectación ás persoas", a empresa decide non investir e poñer "en risco o medio ambiente, as vidas dos traballadores e a poboación da contorna". 

"Decidir non facelo se non se garante a permanencia da empresa en Lourizán máis aló do 2033 é optar, de forma deliberada e consciente, por atentar contra o medio ambiente e a integridade física das persoas, un feito que cualificamos de extrema gravidade e que pode ter implicacións penais", engade Masa.

A asociación dá credibilidade ao manifestado por Colmenares cando di que a caldeira de recuperación de Ence non cumpre cos mínimos exixibles de seguridade para o medio ambiente e para as persoas e pregúntase pola validez das certificacións ambientais publicadas pola empresa. "Nesta situación só cabe actuar para evitar que ese risco grave existente chegue a provocar ese 'susto maiúsculo' do que fala o señor presidente e que incluso pode afectar ás persoas", xustifica o colectivo ecoloxista. 

Á vista destes feitos, desde a APDR solicitan a incoación das dilixencias previas para investigar e depurar as responsabilidades penais que se poidan derivar dos feitos denunciados e que se cite a Ignacio Colmenares para prestar declaración como imputado.

A compañía asegura que o extracto da intervención do Ceo foi "gravado ilegalmente" e "non debe ser descontextualizado"

Ante a denuncia presentada pola asociación, Ence emitiu un comunicado no que defende que o seu complexo en Pontevedra "é totalmente seguro", como avala a certificación de Aenor que "acredita o cumprimento da norma internacional ISO 45.001 por parte da planta, pola súa robusto sistema de xestión da seguridade". 

"De feito, os índices de seguridade de Ence Pontevedra son, ano a ano, dez veces mellores que os da industria en España", engade a empresa, que recorda que a planta é inspeccionada "periodicamente —con resultados satisfactorios— por organismos de control autorizado pola Administración do Estado" nos diferentes ámbitos de aplicación da regulamentación de seguridade industrial. 

Ence reitera que o extracto da intervención do Ceo da empresa ás que se alude na denuncia foi "gravado ilegalmente" e "non debe ser descontextualizado", senón que "debe entenderse como parte dunhas palabras dirixidas internamente ao conxunto do equipo humano da empresa". 

"Este extracto, de preto de catro minutos de duración, é parte dunha intervención de máis de tres cuartos de hora. Estas palabras, sacadas do seu contexto, non reflicten o sentido nin o significado das citadas declaracións, que si quedaron adecuadamente explicadas no conxunto da intervención", defenden. 

Ence defende que os investimentos realizados na instalación garanten a súa "seguridade absoluta"

A empresa asegura que a seguridade da planta "non se pon en dúbida en ningún momento na citada intervención" e alúdese, unicamente, "ás molestias que o cheiro pode supoñer puntualmente para as persoas da contorna próxima á instalación". "Mencionara a necesidade de seguir mellorando o comportamento oloroso da biofábrica. Neste sentido, engadía, os equipos que máis percorrido de mellora teñen son a caldeira de recuperación e caustificacion", apunta.

A partir de aí, subliña que "eses equipos son absolutamente seguros e, proba diso, é que a compañía goza do recoñecemento High Risk Protected pola máis prestixiosa compañía de seguros norteamericana, especialista en celulosa". 

A empresa defende que os investimentos realizados na instalación desde o ano 2016, de 132 millóns de euros, "garanten a seguridade absoluta" da planta. "Só a doce anos vista, de aquí a 2033, e no caso de que non se puidesen realizar os investimentos necesarios por non contarse coa necesaria seguridade xurídica para iso, a empresa veríase obrigada a pechar a planta xa que, en todo momento, debe operar con total seguridade". 

A Asociación pola Defensa da Ría denuncia o presidente de Ence
comentarios
ç