A APDR afirma que "é Ence e non as administracións" quen debe buscar fondos europeos

Critican que o Ministerio "deixe nas mans da Audiencia Nacional e a Xunta" a decisión sobre a continuidade da pasteira
Vista aérea de las instalaciones de Ence en Lourizán. M.B.
photo_camera Vista aérea das instalacións de Ence en Lourizán. M.B.

A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra subliña que "é Ence e non as administracións" quen debe buscar fondos europeos para acometer unha eventual mudanza da fábrica que na actualidade se sitúa nos terreos de Lourizán. 

Este colectivo ve "inaudita" a cantidade de recursos "e esforzos consumidos" para realizar unha reunión [en referencia á mesa de diálogo] cuxo "único obxectivo" vincula con buscarlle "acomodo a unha empresa privada". Pola súa banda, a asociación cre destaca que Ence, "como calquera outra, ten a obrigación de cumprir a lexislación e buscar as alternativas necesarias para levar adiante a súa actividade e manter os postos de traballo". 

No mesmo sentido, entende "desproporcionada" a representación da compañía nese encontro, e non entende "a razón da presenza nela dalgúns sectores que nada teñen que achegar neste tema". 

Considera "desafortunada" a actitude do Ministerio de Transición Ecolóxica, ao asegurar que "deixa nas mans da Audiencia Nacional e a Xunta a decisión da posible continuidade de Ence en Lourizán", o que, na súa opinión, é facer abandono de funcións" ao "inhibirse na esixencia do cumprimento da lexislación de Costas vixente". 

Así mesmo, critica "o papel xogado" pola Xunta, á que reprende por, "lonxe de defender o dereito público, apostar pola defensa vergoñosa da permanencia da empresa no seu actual emprazamento". "Incluso propón a creación dunha segunda fábrica de celulosas en Galicia", censura. 

Neste sentido, a Asociación Pola Defensa da Ría cre que "deixar en mans do Goberno galego a solución á saída de Ence da ría é o mesmo que deixala en mans da propia empresa". 

"Para nós, calquera acordo con Ence pasa por pór fin á actividade da empresa en Lourizán de forma inmediata e a recuperación do dominio público que, por lei, tiña que haber abandonado en xullo de 2018. 

Para rematar, sobre esa eventual fábrica de pasta de papel, esixe, de habela, un procedemento público, aberto á participación de calquera empresa do sector que desexe optar a tal instalación. 

Comentarios