A APDR, "optimista" fronte ao posible peche de Celulosas

A Asociación Pola Defensa da Ría cambia o formato da súa marcha, que recupera a cita dos domingos

Antón Masa y Carmen Peña, en la sede de la Asociación Pola Defensa da Ría. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Antón Masa e Carmen Pena, na sede da Asociación Pola Defensa da Ría. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Asociación Pola Defensa Da Ría (APDR) móstrase "optimista" fronte á posibilidade de que a marcha do próximo domingo día 16 sexa a última coa fábrica de Ence en activo. "Se non é das derradeiras, poucas lle deben faltar", indicou onte o presidente do colectivo, Antón Masa.

O grupo ecoloxista considera que o novo marco lexislativo, sumado ao último informe da Avogacía do Estado, condenan á fábrica a afastarse de Lourizán a curto prazo. ¿Por que? Fundamentalmente porque prohiben que as concesións de dominio público superen o máximo de 75 anos e porque só autorizan prorrogar os permisos daquelas instalacións que pola súa natureza non poden estar fóra do litoral. No caso de Ence, a prórroga outorgada polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy implicaría chegar aos 115 anos de actividade e, segundo advertiu a Avogacía do Estado, a empresa desenvolve unha actividade que pode levar a cabo "en calquera outro sitio". "Ence segue a contaminar, pero con independencia diso, non pode seguir na ría", subliñou Masa.

Para a APDR outros indicios que apoian a súa teoría dun peche próximo da planta son as recentes manifestacións da compañía, "que mostran debilidade", e os resultados das eleccións municipais. "Os partidos que eran partidarios de sacar a Ence da ría recolleron o 63% dos votos en Pontevedra. Na comarca solicitaron arredor do 55%, pero a porcentaxe pode subir se un ten en conta que Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo, segue dicindo que Ence non pode seguir na ría".

MOVILIZACIÓN. A confianza en que o peche da factoría se aproxima animou á APDR a convocar unha marcha distinta ás que organizou nos últimos anos para demandar o seu cesamento. Unha das diferenzas radica en que será a primeira mobilización "na que Elnosa xa está pechada, algo que dixemos na última edición". Ademais, romperá coa tradicional cita dos sábados pola tarde para rescatar a convocatoria do mediodía do domingo que se facía antes de 2006, e promoverá unha protesta "máis lúdica e luminosa" que as últimas convocatorias.

A mobilización partirá ás 12.00 horas das alamedas de Pontevedra e Marín e culminará cunha comida colectiva en Montero Ríos, na que se servirán polbo, churrasco e empanada. Outro cambio significativo ten que ver coa imaxe da protesta. Ence deixa de ser protagonista no cartel principal para deixar paso á figura dunha serea que di Eu tamén vou á marcha! sobre o logotipo de Pola Defensa da Ría.

Carmen Peña, integrante da asociación, explicou que o deseño correu a cargo de Rosa Fernández Caamaño, profesora xubilada de Belas Artes que xa colaborou en varias ocasións coa entidade. O resultado foi impreso en 700 carteis de distintas dimensións e 20.000 folletos que serán repartidos a pé de rúa. Ao mesmo tempo, a APDR está "recollendo apoios de distintos colectivos", aos que prevé darlles "a máxima difusión". A cartelería complétase cunhas lonas nas que se solicita a anulación da prórroga e nas que se pode ler Agora Ence!, en alusión ao recente peche de Elnosa.

Á pregunta de como recibiría un posible boicot por parte dos traballadores de Ence, Masa cre que "sería un erro". "Os empregados colleron un camiño errado, porque deberían esixir unha solución á empresa, que xa sabía que tiña que pechar en 2018. Dirixir as súas iras contra o BNG e a APDR é erróneo, aínda que non nos van reducir". Polo momento, a asociación segue sen novidades sobre o recurso que presentou contra a prórroga, xunto ás denuncias do Concello e Greenpeace.

Os traballadores do mar ultiman a súa protesta
A Plataforma polo Saneamento da Ría, integrada por bateeiros e outros traballadores do mar, celebrará unha mobilización o vindeiro sábado para urxir a mellora das augas e, particularmente, a reforma da EDAR. Os participantes sairán en barco do porto de Combarro (ás 11.00 horas) e navegarán ata o emisario (situado preto da illa de Tambo), onde farán soar as bucinas das embarcacións. A mobilización finalizará coa lectura dun manifesto e unha mejillonada.

Comentarios