Aplican desde este luns cambios na circulación rodada no Gorgullón para evitar tráficos de paso


Esta medida consiste en evitar o exceso de tráfico das rúas adxacentes e realizarase a partir das 8 horas do día
Colocación do pavimento na rúa Gorgullón. JAVIER CERVERA
photo_camera Colocación do pavimento na rúa Gorgullón. JAVIER CERVERA

O Concello de Pontevedra modificará a circulación do tráfico na rúa Gorgullón dende esta mesma mañá ás 08.00 horas, segundo anunciou este luns nun comunicado. O propósito é evitar o tráfico de paso para fuxir da rúa Eduardo Pondal, xa que se detectou un incremento de vehículos que usaban este vieiro como atallo para chegar á estación.

A proposta definitiva, consensuada coa asociación de veciños, pasa por evitar os tráficos dende un extremo a outro da rúa, polo que se pechará con morróns á altura da recén peonalizada rúa do Muiño.

Deste xeito, no primeiro tramo, entre a avenida da Estación e a rúa do Muíño, os vehículos poderán entrar polo Gorgullón e saír polo primeiro tramo da rúa da Moa.

No segundo tramo de Gorgullón, os vehículos poderán acceer pola avenida Eduardo Pondal e saír por Gorgullón cara a rotonda de Uxío Novoneira. As rúas Curtidoira e Pedro Sarmiento de Gamboa tamén confluirán no Gorgullón para saír pola citada rotonda. A circulación dentro da praza da Curtidoira continuará igual que ata o de agora.

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, explicou que este plan de mobilidade rodada partiu de manter o sentido do tránsito peonil de fora a dentro da cidade, seguindo o trazado do Camiño de Santiago.

O Concello fixo unha campaña informativa nos portais e entradas de garaxe das rúas afectadas, para que a veciñanza estivese ao corrente dos cambios que agora se poñen en marcha, apuntou nesta mesma nota.

Comentarios