Aprobada a cesión do solar para a residencia de maiores

A Fundación Amancio Ortega debe pechar aínda o proxecto da Eiriña
Recreación virtual de la futura residencia de A Eiriña. XUNTA
photo_camera Recreación virtual da futura residencia da Eiriña. XUNTA

O Concello aprobou este martes a cesión da parcela da Eiriña na que se construirá a nova residencia de maiores, a segunda de carácter público de Pontevedra logo da de Campolongo. Fíxoo a través dunha Xunta de Goberno local extraordinaria que deu visto e prace ao traspaso dos terreos nos que a Consellería de Política Social abrirá este centro para a terceira idade. O acordo dá un prazo máximo de cinco anos ao Goberno galego para que faga realidade este equipamento.

O proceso de cesión deste solar situado á beira da rúa Doce de Novembro comezou o pasado 14 de decembro. Foi entón cando Pontevedra puxo esta zona a disposición da Xunta. expediente foi sometido a información pública, que rematou o pasado 23 de marzo.

O ámbito no que se fará o xeriátrico ocupa 5.455 metros cadrados. Orixinalmente ía ser utilizado pola Once para a construción do seu novo centro de recursos educativos, pero a anterior crise frustrou o proxecto e os terreos retornaron ao Concello tras reformularse o convenio urbanístico que ambas as institucións asinaran en 2006.

A localización da Eiriña, que o Executivo local define como a xoia urbanística de Pontevedra, deuse a coñecer o pasado mes de outubro despois de que se descartase a localización da Parda para a residencia de maiores. En realidade, o novo emprazamento é o que a Xunta reclamaba desde un principio ao Concello para desenvolver o proxecto.

120 PRAZAS. O xeriátrico custará doce millóns de euros, contará con 120 prazas e empregará a 115 persoas, algo máis do previsto inicialmente.

A Fundación Amancio Ortega financiará a obra, que tamén executará, o que axilizará os trámites porque os traballos non terán que saír a concurso público. O prazo de execución desta actuación será de entre 18 e 22 meses.

Responsables da Consellería de Política Social aseguraron este martes a este xornal que a organización do fundador de Inditex debe pechar aínda o proxecto. Polo tanto, aínda non existe un calendario oficial para colocar a primeira pedra da residencia. En todo caso non se fará antes do verán, segundo as mesmas fontes.

Comentarios