A área de Pontevedra suma 59 positivos en 24 horas e achégase aos 600 casos activos

Están hospitalizadas 37 persoas, 7 na Uci. Galicia detecta 514 positivos nunha xornada, a cifra máis alta no que vai de segunda onda. Lalín e Ferrol súmanse á lista de municipios galegos en alerta vermella

 Foto Covid Provincial
photo_camera Zona de toma de mostras no Provincial de Pontevedra. BEATRIZ CÍSCAR

O coronavirus non dá tregua na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Os datos publicados este venres polo Sergas revelan que se detectaron 59 novos positivos nas últimas 24 horas, cifra que supera o medio cento rexistrados na xornada anterior e coa que volven crecer os casos de covid que están activos, a 595. Son 31 máis que o xoves.

O balance, con datos ata as 18.00 horas do mércores, reflicte que continúan hospitalizadas 37 persoas, despois do notable repunte co que o xoves se alcanzaron as 39. Se agora hai dúas menos é porque se rexistrou algunha alta e polo falecemento dun dos ingresados, unha muller de 60 anos que se contaxiou no brote que afectou o servizo de Oncoloxía. Coa súa morte eleváronse a 27 as persoas falecidas con coronavirus desde o inicio da alerta sanitaria na área sanitaria.

DatosPontevedra

Sete dos infectados que seguen hospitalizados están en unidades de coidados intensivos (Uci) do Montecelo —un máis que o xoves—, e os outros 30 están en planta (25 no CHUP e 5 no Hospital Público do Salnés). O resto de afectados, 558, están no seu domicilio.

O balance tamén revela que nas últimas 24 horas superaron a enfermidade 28 persoas, co que desde o inicio da alerta curáronse 2.249 pacientes na área sanitaria. 

En canto á realización de probas PCR, fixéronse 794 na última xornada, que se suman ás 57.120 efectuadas desde o inicio da pandemia en Pontevedra e O Salnés.MapaGalicia

LALÍN, EN VERMELLO. O número de municipios galegos no nivel máximo de alerta, o tres, pola incidencia do coronavirus na última semana elevouse este venres a 25, un máis que este xoves, tras entrar nesta situación Lalín e Ferrol á vez que sae O Porriño, que pasa ao laranxa. 

Ademais, segundo consta no mapa semáforo actualizado diariamente pola Consellería de Sanidade, continúan no nivel tres pola pandemia Pontevedra, Poio, A Estrada, Vilagarcía, Cangas, Nigrán, Tui e Salvaterra, así como Ourense, O Barco, O Carballiño, Verín, Narón, Oleiros, Arteixo, A Laracha, Ordes, Mesía, Santiago, Ames, Teo, Monforte e Lugo. 

A entrada no nivel máximo de risco destes municipios implica que se detectaron neles máis de 21 casos de coronavirus nos últimos sete días. Con todo, nas urbes de máis de 50.000 habitantes, o limiar para activar o aviso vai en función do tamaño: Ferrol –máis de 76 casos nunha semana–, Pontevedra –máis de 96–, Santiago –máis de 112-, Lugo–,-máis de 112– e Ourense –máis de 120–. 

Mentres, en situación dous están 19 concellos, cinco máis que este xoves. Do total, 11 repiten nesta lista: Neda, Fene, A Coruña, Culleredo, Marín, Vigo, Mos, Gondomar, Boborás, Barbadás e Xinzo de Limia. 

Na alerta laranxa entraron este venres sete concellos –Malpica de Bergantiños, Muros, Noia, Oroso, Vilaboa, Redondela e Monterrei– por empeorar os seus datos, mentres que un –O Porriño– o fixo por melloralos, xa que ata este xoves estaban na vermella. 

En cor laranxa inclúense municipios de máis de 50.000 habitantes con entre 138 e 332 casos novos de covid-19 á semana por 100.000 habitantes —só Vigo e A Coruña, neste caso— e nos de menor poboación que presenten entre 14 e 20 casos.

Os positivos elévanse a Galicia a 514, dos que 131 corresponden á área de Santiago

GALICIA. No conxunto da comunidade os novos positivos tamén aumentaron514 nas últimas 24 horas, a cifra máis elevada do que vai na segunda onda e a segunda maior de toda a pandemia. 

Do total, 131 corresponden á área sanitaria de Santiago e A Barbanza. Séguea A Coruña e Cee, con 92; Vigo e Ourense con 64 en cada caso; Pontevedra e O Salnés, con 59; Ferrol, 58; e Lugo, 46. 

Os casos activos tamén experimentaron un incremento de 205 en Galicia, que se sitúa con 5.880.

En canto aos falecidos, na comunidade perderon a vida 856 persoas con Covid-19, tras notificar Sanidade nove vítimas na tarde deste xoves, tres delas relacionadas con residencias.