A área de Pontevedra suma dous novos positivos en coronavirus

Ten 20 casos activos, a cifra máis elevada desde inicios de xuño. En Galicia elévanse en 10, ata os 242, no quinto día consecutivo de repunte
RAFA PRUEBAS EN COCHE ANALITICAS CORONAVIRUS EN RECINTO FERIAL
photo_camera Profesionais sanitarios manexando probas de coronavirus en Pontevedra. ARQUIVO

A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés sumou en 24 horas dous novos positivos en coronavirus, cos que se elevan a 20 os casos activos. O balance divulgado este martes polo Sergas sitúa así a área coa cifra máis elevada desde inicios de xuño.

Confirma, ademais, que un paciente continúa ingresado en planta no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, e que non hai ningún no Hospital do Salnés nin no QuirónSalud Pontevedra. Os outros 19 infectados están nos seus domicilios.

Desde o inicio do plan de continxencia ante a aparición do virus rexistráronse 912 pacientes curados na área sanitaria —cifra idéntica á deste luns— e faleceron nela 16 persoas.

GALICIA. Pontevedra contribúe así a que os casos activos de Covid-19 volvan subir na comunidade por quinto día consecutivo, xa que este martes hai dez máis que o luns. Son en total 242, segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade. 

O maior incremento prodúcese na área sanitaria da Coruña, onde hai cinco novos positivo e cóntanse un total de 63; mentres que na de Santiago hai catro novos positivos, ata os 20. En Vigo hai tres máis e o total de positivos sitúase en 47. 

Mentres, descenden os casos activos na área sanitaria de Lugo, onde pasan de 89 a 85 —zona na que se inclúe o brote da Mariña—. A zona de Ferrol continúa como a única libre de Covid-19. 

De acordo coa información da Consellería de Sanidade, do total de pacientes positivos, hai un na Uci e nove atópanse en unidades de hospitalización, dous menos que o luns. Unha destas altas correspóndese co xogador do Club de Fútbol Fuenlabrada que permanecía hospitalizado na Coruña desde o pasado venres. 

Ata este martes, Galicia contabilizou 11.236 persoas curadas —oito máis que no parte anterior— e 619 falecementos, dos que 274 están relacionados con residencias de maiores. A cifra de mortes que deixa a pandemia na comunidade permanece sen variación desde o pasado 10 de xuño.