A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés roza o 80% da poboación con pauta completa

Case 4.500 mozos, de entre 20 e 29 anos, están convocados para este martes para conseguila e máis de 160 persoas, de entre 12 e 19 anos, recibirán a primeira dose
undefined
photo_camera Un mozo recibe a vacina no Recinto Feiral de Pontevedra. BEATRIZ CÍSCAR

A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés leva administradas 440.884 dose de vacinas contra o coronavirus a 218.661 persoas, ou o que é o mesmo, o 79,6% da poboación, teñen xa a súa pauta de vacinación completa.

Case 4.500 persoas de entre 20 e 29 anos están convocadas para este martes para conseguir a inmunización. Deste total, 3.485 acudirán ao Recinto Feiral de Pontevedra, mentres que 950 farano no Recinto Fexdega de Vilagarcía de Arousa.

Doutra banda, máis de 160 mozos, de entre 12 e 19 anos, acudirán este mércores a poñerse a primeira dose grazas ao sistema de autocita. Deles, 135 persoas achegaranse á Boa Vila e 30 ao centro habilitado no Salnés. Cabe recordar que o Sergas está a deixar dispoñibles para eles os primeiros ocos do día.

Sanidade recorda á cidadanía que o sistema de autocitas permanece aberto e que se pode facer uso do mesmo a través da páxina web ou da aplicación Sergas Móbil.

Cos que acoden este martes, son xa 250 os mozos que foron convocados no que levamos de semana a través deste sistema na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. 200 na cidade do Lérez e 50 en Vilagarcía.

Galicia é a comunidade con maior porcentaxe de inmunización entre os mozos de 12 a 19 anos

GALICIA. A vacinación en Galicia está a ir a un ritmo bastante rápido. De feito, actualmente as sete principais cidades da comunidade superan xa o 70% da poboación inmunizada, sendo Pontevedra a segunda con menor porcentaxe, só por diante de Vigo.

O presidente da Xunta destacou este luns que Galicia é a comunidade con maior porcentaxe de poboación maior de corenta anos inmunizada e resaltou que "está en primeiro lugar" en taxa de vacinas en persoas de entre 12 e 19 anos. De feito, o 82,4% desta poboación recibiu polo menos unha picada, 15 puntos por enriba da media española.

Doutra banda, recoñeceu que Galicia pediu vacinas a algunhas comunidades autónomas, como Madrid e Andalucía, tras atoparse con "dificultades" á hora de administrar algunhas segundas doses. Con todo, Feijóo deixou claro que se devolveron nos seguintes días. "Galicia non debe vacinas", dixo.

"Cando a Sanidade galega tivo algún problema puntual" ao chegar aos días pautados para inocular as segundas doses de Moderna e Pfizer, "algunhas comunidades prestáronnos vacinas", recoñeceu Feijóo. é por iso, que quixo agradecer "a solidariedade" demostrada por parte destas autonomías que cederon doses.

Baixa participación nos cribados
Nos últimos días levaron a cabo numerosos cribados en toda a comarca. En Cerdedo-Cotobade, estaban convocadas 1.300 persoas, das cales acudiron 452, ou o que é o mesmo, o 35%. Por sorte, non se rexistrou ningún positivo.

Non ocorreu o mesmo en Soutomaior, onde o pasado venres estaban citadas 750 persoas de entre 14 e 29 anos. A participación foi do 33% e, das 227 probas que se realizaron, detectáronse 4 positivos.

Para rematar, o municipio de Poio comezou este luns un novo cribado no pavillón da Seca, o cal continuará durante todo o martes. En total, están chamados a participar 3.000 veciños e veciñas de entre 15 e 39 anos. 

Por agora, a participación nos cribados está a ser bastante baixa, xa que en moitos casos non chega nin ao 50%. é por iso que desde o Sergas animan á cidadanía a seguir colaborando.

Comentarios