López: "O arranxo da situación en Atención Primaria non é unha cuestión de cartos"

Leva máis dun ano en medio no cargo, tempo dabondo para ter un amplo coñecemento da provincia, das súas inquedanzas e das súas demandas. Encaixa ben as críticas porque, di, forman parte do xogo político e do emprego de tomar decisións, pero non dubida de que o feito ata o de agora é "moi positivo", malia que aínda se pode mellorar moito
Luis López. GONZALO GARCÍA
photo_camera Luis López. GONZALO GARCÍA

É unha mañá fría; na rúa hai 6 graos. Pero Luis López chega á cita case en mangas de camisa. "Estou por quitar a chaqueta", confésalle ós seus asesores. Porque así é o delegado da Xunta, un home que desprende vitalidade, enerxía e moita paixón no que fai. De aí a fonte de calor.

Como lle cambiou a percepción que tiña da provincia?
Eu estaba de alcalde de Rodeiro e as tendencias eran máis cara o Deza e Santiago. Cando cheguei ao cargo estabamos en plena pandemia, co cal as prioridades estaban centradas na parte sanitaria. E logo veu a recuperación económica. Pero, a nivel xeral, o balance non pode ser máis que satisfactorio.

Unha delegación territorial debe atender varias frontes e non sempre se pode contentar a todo o mundo. Cal foi o seu maior sinsabor e a súa maior alegría?
O sinsabor, sen dúbida, a deslealdade institucional. Son unha persoa moi leal e cando vexo que alguén non o é, síntome moi decepcionado. Pola contra, as maio-res alegrías chegan coas accións políticas axudan á xente.

Nos Orzamentos da Xunta para 2023, Pontevedra é a provincia con menor inversión por habitante. A que é debido isto?
É normal que a oposición sempre vaia criticar os orzamentos do Goberno de turno. Pero creo que os números da Xunta para con Pontevedra dan debido cumprimento ás prioridades da provincia, algo que choca moito coas contas do Goberno de España, porque nós investimos 13 veces máis có Estado. Penso que hai unha aposta decidida da Xunta por esta provincia, con esa rebaixa de impostos nun momento onde a inflación está desbocada, e a nivel da capital, para Pontevedra hai 240 millóns de euros para tres anos.

Tivemos moita sorte de que a crise dos materiais non afectase á obra do Gran Montecelo e así poderá ser inaugurado a fi nais de 2023

O Gran Montecelo é o produto estrela desa chuvia de millóns pero a día de hoxe aínda hai voces que cuestionan esa obra...
Todas as críticas deberían ser construtivas, pero parto da base de que calquera cousa que fagas, sexa do calado que sexa, sempre vai suscitar críticas. Pero o certo é que estamos ante un investimento inicial de 130 millóns de euros nun edifi cio totalmente equipado, polo que as melloras van ser considerables. Eu lembro cando se inaugurou o Hospital de Santiago ou mesmo o Álvaro Cunqueiro en Vigo, que ao principio todo eran queixas, e do que nos salvaron en momentos como a pandemia.

Algunha novidade sobre os prazos previstos para a súa estrea?
Podemos dicir que neste caso tivemos sorte, porque a crise de suministros, a diferenza doutras grandes infraestruturas, non lle afectou. Xa vai executado o 60% do proxecto e, de seguir este ritmo, vaise manter a data fi xada: fi nais de 2023.

Unha crise de materiais que si tivo unha fonda repercusión na outra gran obra promovida pola Xunta na cidade: a intermodal. Logo de dos anos de atraso, cando se vai estrear ofi cialmente?
A intermodal foi xusto todo o contrario do Gran Montecelo, con atrancos por todos lados. Pero a día de hoxe está a disposición de todos os usuarios. Tras investir seis millóns de euros, agora só falta outra máis de 100.000 euros para completala con mostradores, bancos e demais para deixala ‘full’ de todo. Iso executarase nas vindeiras semanas e logo xa virá a inauguración formal, que é o de menos, porque o importante é que os veciños a poidan usar xa.

Sen embargo, Pontevedra está lonxe de poder presumir de comunicacións, sobre todo ferroviarias. Que vai pasar coa ansiada chegada do AVE?
A política de feitos reflicte que Pontevedra e Galicia, para o Goberno central, somos os grandes esquecidos. Non só en canto ao AVE, senón tamén en canto a infraestruturas, polo que as esperanzas de que chegue a Alta Velocidade son poucas. Prometeuse para xullo e hoxe aínda non temos nin datas. O mesmo pasa coa circunvalación de Pontevedra, co Nó de Bombeiros, etc. É evidente que para Madrid non somos prioritarios. E non falo só das grandes inversións, senón deses pequenos detalles que, se houbera colaboración, sairían adiante. Por exemplo, co dragado do Lérez.

Pensa que ás veces pesan máis os egos políticos que as necesidades dos cidadáns?
No caso do Goberno de Pedro Sánchez, está claro que é así. Hai un claro exemplo nos fondos Next Generation, onde se defi nen as zonas ás que darlle puxanza en función dos seus socios políticos.

Sorprendeulle que saíran dos Presupuestos Generales do Estado o remate do Paseo a Marín?
Sinceramente, non. Porque vendo os antecedentes do Goberno central coa provincia e con Galicia en xeral, non me sorprende, porque é unha tónica continua.

O que si é competencia da Xunta é o transporte interurbano. Pontevedra estreou o servizo hai pouco máis dun ano e aínda xorden queixas. Que está a fallar?
Sempre que se pon en marcha un servizo destas características, o paso do tempo é o que che vai dar a mellora definitiva. Para chegar a uns niveis de excelencia haberá que ir corrixindo cousas. E iso é o que se está a facer en colaboración co Concello.

Cando presentou os Orzamentos da Xunta para Pontevedra indicou que un dos grandes eixos inversores ía ser a rede de estradas. En que consistirán as melloras?
No que atinxe á zona de Pontevedra serán a estrada Marcón-Xeve e a estrada vella a Marín. Esta última é unha necesidade de hai tempo que todos compartimos e a primeira fase vaise desenvolver o vindeiro ano. E unha vez rematada, o compromiso do presidente Rueda co alcalde Lores é transferila ao Concello.

O saneamento da ría continúa a ser unha das grandes carencias do contorno da capital. En que estado se atopa a súa mellora?
É outro claro exemplo da aposta da Xunta con Pontevedra, porque falamos dun investimento de 47 millóns de euros. A ampliación da EDAR dos Praceres xa é unha realidade e está a piques de rematar a construción do emisario submarino, que permitirá obter unha mellora da calidade das augas co seu conseguinte beneficio.

A postura do Goberno local contra a pequena e gran empresa non axuda nada a que saian adiante proxectos industriais

Falou dos Next Generatión pero bótanse en falta os PERTE, os grandes proxectos industriais. A iso súmase que Ence decida completar o seu ciclo produtivo nas Pontes, que Maersk aposte pola Coruña para o seu novo macrocomplexo cando ten a base de operacións no Porto de Marín... Que pensa facer a Xunta para frear esa perda de músculo industrial?
Aquí inflúen varios factores. O primeiro son os 1.300 millóns dos fondos Next Generation que o Estado transferiu a Galiza e case todos xa executados. Iso amosa o ben que se desenvolve a comunidade galega na execución dos proxectos con fondos europeos. Digo isto porque con respecto ós PERTE, o Goberno de España quixo quedar con eles para repartilos conforme a súa conveniencia política e non para deseñar un modelo de país de cara ós vindeiros anos, como era a súa filosofía. Iso provoca un atranco importante e, de feito, Europa xa ten posto o foco en España, porque vai chegar un momento no que eses fondos non estarán mobilizados nin executados. Pese a todo, a Xunta pediu no seu día ao Goberno que fixera un lanzamento de proxectos no conxunto da comunidade e agora toca esperar a que se definan. Pero estamos vendo como eses PERTES industriais van cara outras comunidades e para Galicia, nada. Finalmente, en canto á cidade de Pontevedra, hai que lembrar que o seu alcalde nunca apostou pola empresa, a pequena e a gran escala. Temos o exemplo de Ence, porque é o primeiro que quere que peche, pese as consecuencias que tería para o emprego na comarca e en Galicia. Iso tampouco axuda a que se leven a cabo proxectos industriais en Pontevedra. Se facemos unha comparativa co resto da provincia (Cangas, O Deza...) a diferenza é abismal.

Falando da sanidade, ultimamente se está a poñer moito o foco na Atención Primaria de Pontevedra. Preocúpalle a situación?
Sen dúbida. Pero é un problema que non se resolve con cartos, en contra do que algúns manifestan por aí. O conselleiro de Sanidad de Extremadura, do PSOE, xa dixo que «esto no se soluciona ni con todo el oro del mundo». Fíxese: o Orzamento da Xunta é de 12.600 millóns de euros. Se fixeran falta, por exemplo, 600 médicos, con 60 millóns de euros se arranxaba o problema. Alguén pode pensar que se esa fose a solución non o teriamos xa feito? O problema está na falta de especialistas en Medicina de Familia. E para iso é clave que o Goberno de España permita formar a máis MIR. Aínda así, a Xunta, dentro das súas competencias, trata de buscar solucións que poidan mellorar a Atención Primaria, como o concurso de 106 médicos para prazas de difícil cobertura. E temos que deixar claro que é un problema xeralizado: Madrid, Cataluña, País Vasco...

O maior sinsabor é a deslealdade institucional e a maior alegría é ver que as accións políticas axudan á xente

Sen dúbida, 2022 foi o ano do Pazo de Lourizán e se puido desatascar un pulso enrocado entre Deputación e Xunta. Cando se vai a concretar o seu futuro?
Está creada unha comisión para pechar a cesión definitiva á Xunta, o que se prevé para o primeiro semestre de 2023. A colaboración é máxima por ambas partes e a nosa intención é sacar un concurso de ideas para ir definindo os posibles usos do Pazo, primando ese uso agroforestal para o que está concebido. Pero sen pechar outras opcións, como a turística.

As inversións para a capital están claras. Que vai pasar co resto da provincia?
Eu atendo 47 dos 61 concellos da provincia. Destacaría a construción do novo CIS en Vilagarcía, que mellorará a calidade sanitaria; a mellora do saneamento en Cambados; os obradoiros de emprego para parados que facemos por toda a provincia; os cursos de formación continua; o desatasco do CIS de Lalín...

Estamos ás portas dun ano electoral e os cidadáns empezan a estar cansos de escoitar promesas que logo non se cumpren. Que parte hai de certa e qué parte de brinde ao sol nunha campaña?
Cando fun alcalde, nunca lancei ningunha proposta da que non tivera pleno convencemento de chegar a executar. Un programa político debe ser un contrato cos veciños e defendelo diante dos veciños. Pero logo ves que moitos se quedan en papel e outros non chegan a consumarse, aínda que se loite por eles. Aí está a conciencia de cada un. Eu son da filosofía de non vender aquilo que, de entrada, xa saibas que non vas poder conseguir.

Hai promesas que se fan en campaña e logo quedan no papel. Eu nunca prometín nada que non puidera cumprir

Non se pode obviar que vostede tamén é presidente provincial do PP. O gran desafío o 28M será volver a gobernar a Deputación, como dicía o seu antecesor?
O primeiro obxectivo do PP é gañar nos 61 concellos da provincia e acadar o maior número de alcaldías, coa singularidade de que a nós se nos esixe o máximo e só podemos chegar a elas se temos maioría absoluta. Derivado da consecución desta meta, chegará que volvamos a facer que a Deputación volva ser útil para os pequenos e os medianos concellos, algo que agora non acontece. No conxunto da provincia, tralas tomas de contacto que estamos a ter coas agrupacións locais, a verdade é que estamos vendo uns ventos que sopran a favor. É algo que se pode palpar, porque alguén pode pensar que entre nós mesmos nos retroalimentamos, pero na rúa percíbense desexos de cambios. E se somos capaces de acertar cos candidatos, cos equipos e co proxecto (que é no que se está a traballar), teño moi boas expectativas de poder recuperar moitas alcaldías. E agardemos que iso nos proporcione o feito de voltar á Deputación.

Malia eses ventos favorables dos que fala, o certo é que as dúas grandes cidades da provincia semellan inexpugnables para o PP...
Son diferentes. En Vigo é certo que hai un empoderamento dun alcalde totalmente alineado con Pedro Sánchez e que ten un forte respaldo social. Iso é así e hai que recoñecelo. Pero outra cousa distinta é Pontevedra. Estamos a falar dun alcalde que leva no cargo 24 anos e que acumula un desgaste enorme. O exemplo máis recente témolo nas luces de Nadal, que aparentemente podería parecer algo moi simple, pero que debería estar xa arranxado e é unha mostra do desgaste e do pasotismo que hai. Nas enquisas que manexamos vemos que en Pontevedra o PP sería a forza máis votada. De aquí a maio queda traballar para acadar a esperada maioría absoluta.

Comentarios