Arrinca a limpeza dos dous espazos arqueolóxicos de Pontevedra

Os traballos, manuais, céntranse na Praza de Valentín García Escudero e o Campiño de Santa María

Praza de Valentín García Escudero. ARCHIVO
photo_camera Praza de Valentín García Escudero. ARQUIVO

O Concello de Pontevedra iniciou este martes os traballos de limpeza planeados para os dous espazos arqueolóxicos da cidade: os conxuntos da Praza de Valentín García Escudero e do Campiño de Santa María. A actuación, centrada na retirada de vexetación e na limpeza manual, empezou polo primeiro espazo.

Como detalla a administración local, os traballos afectan só ás estruturas arqueolóxicas e á súa contorna máis inmediata. Realízanse fundamentalmente de forma manual e baixo a supervisión do técnico municipal de patrimonio cultural para evitar alteracións nos conxuntos.

No caso da Praza de Valentín García Escudero o obxectivo é limpar o xacemento que inclúe os vestixios da Ponte do Burgo medieval, un tramo de muralla do século XVI e o dique portuario do XV, así como retirar residuos acumulados no espazo.

Unha vez se completen os traballos nese emprazamento comezarán no Campiño de Santa María, onde afectarán aos restos medievais do pano da muralla e da casa torre dos Montenegro. 

As previsións do Concello apuntan a que a actuación, de mantemento periódico, prolongarase durante semana e media, polo que estará concluída antes de final de mes.

Comentarios