Así se festexa na era Covid

A concelleira destaca a "responsabilidade" da cidadanía e repasa como se organizou unha ampla programación de verán, mantendo a partida orzamentaria prevista, en cuestión de semanas 
photo_camera Palco da música da Alameda durante un concerto e público asistente, colocado a distancia e con máscara. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Nin unha pandemia pode coas festas. Nuns días tería que comezar a Semana Grande de Pontevedra, pero o de 2020 será recordado por como un virus o cambiou todo, incluída a forma de celebrar. O Concello anunciou antes de que rematase a desescalada que habería festas de verán, aínda que houbese que modificalas. O relato cronolóxico de como se xestou esta atípica programación de verán comeza en marzo, coa declaración do estado de alarma.

As festas que nunca foron

"Toda a programación estaba pechada entón", explica a concelleira de Festas, Carme da Silva. Só faltaba asinar uns contratos que nunca chegaron a facerse efectivos pola irrupción do coronavirus. Porén, ante a incerteza que provocou o decreto do Estado de Alarma, o Concello paralizou todas as xestións. "O servizo de Festas do Concello sabe cal ía ser o programa deste ano nun primeiro momento, témolo para nós", explica.

"Comezamos a prepararnos xa en marzo coa determinación de que manteriamos actividades adaptándonos a como se puidesen facer"

A partir do parón total da actividade, os traballadores municipais comezaron a traballar para reformular as festas na medida en que fose posible celebralas. De feito, outros eventos como o Salón do Libro, que tiveron que ser cancelados, reinventaron esta edición con obradoiros e actuacións en liña para manter algúns dos contratos previstos. "Sempre tivemos claro que todo o que puideramos manter, manteríamolo. Reiterámolo en varias ocasións", conta da Silva.

Programar en tempo récord

Unha vez asumida esta determinación, era preciso poñer a traballar a todo o servizo de festas para reprogramalas, unha tarefa que, normalmente, require un ano enteiro. "Cando acaban unhas festas, comézanse a preparar as do ano seguinte", especifica a concelleira de Festas da cidade.

"En marzo decidimos refacelo todo, traballouse de forma moi acelerada en abril para ter o esqueleto xeral e maio e xuño foron para pechar contratos", conta da Silva, que engade que a coordinación cos artistas para pechar as datas é moi traballosa. "Puidemos organizalo tan rápido porque comezamos a prepararnos pronto", conta da Silva. Así, os funcionarios do seu departamento comezaron a chamar aos artistas en canto se falou de fases e dunha desescalada. Moitos artistas sorprendíanse ao recibir as chamadas, xa que o resto dos concellos non estaban contratando, segundo explica a edil. "Traballamos co escenario da fase tres no que se refire a aforos e distancias e tiñamos previsto que os espectáculos fosen con uso obrigado de máscaras", conta.

Ademais de trasladar o ambiente festivo ás rúas, que fomenta o consumo na hostelería e o comercio, o programa deseñouse pensando en revertir o orzamento no sector da cultura e o espectáculo local. Así, o Concello mantivo a partida prevista para as festas, de 940.000 euros.

Como son as festas

O resultado do traballo de contratación en tempo récord son unhas festas con 300 actividades encadradas en 18 ciclos ou propostas culturais repartidas en ata 13 escenarios da cidade. Espectáculos made in Pontevedra, simultáneos e nos barrios.

"Pensamos en actuacións simultáneas para evitar aglomeracións e preferimos que queden cadeiras baleiras a que quede xente fóra", conta da Silva. Do mesmo xeito, a repercusión na economía local é maior xa que a xestión dos escenarios, o control dos aforos, a iluminación e demais cuestións técnicas implican máis contratacións. "Necesitamos contar con moitas empresas colaboradoras que coloquen cadeiras e vallas, que desinfecten, hai persoal de seguridade controlando os aforos durante todo o espectáculo... son moitos cartos e empregos que quedan en empresas de aquí, non só nos artistas", apunta a concelleira. "Hai días nos que hai ata cinco concertos simultáneos e iso mobiliza a máis traballadores que as festas de sempre", indica.

"Pensamos en actuacións simultáneas para evitar aglomeracións, é mellor que queden cadeiras baleiras a deixar xente fóra"

O factor sorpresa pasa a xogar un papel importante nas celebracións da era Covid. Non se indica de onde parten os itinerarios de animación no ciclo A Rebulir nin se di dende onde se lanzarán os fogos de artificio previstos para todos os días da próxima semana para evitar aglomeracións.

Do mesmo xeito, algúns aspectos das novas festas serán aproveitados no futuro. Este cambio obrigado descubriu a posibilidade de repartir as actividades polos barrios e descentralizar os espectáculos. "Esta é unha idea que permanecerá cando pase todo isto", adianta Carme da Silva.

A resposta da cidadanía

O balance que fai a edil da Silva das primeiras semanas de programación é moi positivo. "A resposta está sendo moi boa, a xente está cumprindo escrupulosamente coas medidas de seguridade", indica a concelleira. Neste sentido, afonda que "non esperaba menos, porque a sociedade pontevedresa sempre se comportou de forma exemplar, tamén durante o confinamento", conta.

A próxima fin de semana sería a segunda da celebración informal de peñas, unha reunión polémica que este ano non poderá ser. "Xa non as houbo a fin de semana pasada así que confiamos en que non as haxa nesta. A xente nova está a amosar unha responsabilidade enorme con todo o que para eles supuxo o confinamento, coa paralización dos estudos e demais", comenta. Do mesmo xeito, recorda que a Policía Local xa vela por que a normas de seguridade contra os contaxios se cumpran.

"A Feira Franca non será como imaxinamos"
Ao igual que non hai grandes concertos nas Festas da Peregrina, o Concello traballa na reinvención da Feira Franca para adaptala á nova normalidade.

Estas rutinas pasan por un novo concepto da feira medieval. "Haberá Feira Franca, pero non será como a imaxinamos", advirte Silva.

Así, o servizo de Festas prepara unha programación compatible coas medidas de seguridade. Non están claros aínda en que consistirán os pormenores do evento pero, por exemplo, non terá lugar o espectáculo que adoitaba encher a Ferrería na véspera da feira. "Tampouco podemos reunir a 100.000 persoas na cidade como outros anos", aclara.

Comentarios