As atraccións superan o riguroso control para garantir a súa seguridade

Enmacosa Consultoría Técnica é a empresa encargada de realizar as revisións, impulsadas polo Goberno local ? O protocolo de comprobación tenta garantir unhas festas sen incidentes
Técnicos de Enmacosa realizando as inspeccións. DP
photo_camera Técnicos de Enmacosa realizando as inspeccións. DP

Este verán cúmprense 20 anos dende a primeira inspección exhaustiva da montaxe do funcionamento das atraccións da Festa da Peregrina. Ano tras ano o Concello de Pontevedra foi pioneiro á hora de apostar pola seguridade, promovendo este tipo de controis técnicos que non son obrigatorios, pero que incrementan as garantías de seguridade das persoas que empregan e gozan este tipo de instalacións itinerantes.

A empresa que se encarga destas inspeccións é Enmacosa Consultoría Técnica e iniciou este xoves os preceptivos controis do proceso de montaxe e das probas de funcionamento das atraccións da feira que se están a colocar na contorna da Alameda e da rúa Raíña Victoria, seguindo co protocolo específico para completar un exame o máis completo posible de cada unha das atraccións.

Entre outras das intervencións que realizan os técnicos nas atraccións, tamén solicitan a documentación concreta de cada instalación - seguro de responsibilidade civil e as súas coberuras, libro de operacións, manual técnico ou proxecto... - para corroborar que todo estea en orde.

Ademais comproban tamén que as atraccións carezan de arestas que poidan resultar cortantes así como de ocos ou desniveis sen protección, puntos importantes de corrosión ou deficiencias de relevancia nos cordóns de soldaduras das instalacións, e que as bancadas e apoios estean correctamente nivelados e asentados.

Dentro dos traballos de inspección levados a cabo por Enmacosa tamén son analizados, así mesmo, outros requisitos sobre a seguridade do público e do contorno, como a dotación de extintores ou as posiblidades de colisión ou solapamento entre os recorridos das atraccións e entre os tendidos eléctricos, edificios que lindan coas mesmas, farois e tamén mobiliario urbano en xeral.

O Concello de Pontevedra leva 20 anos realizando inspeccións técnicas, antes incluso de que existise lexislación algunha

As operacións de Enmacosa Consultoría Técnica complétanse finalmente cunha revisión exhaustiva do estado das instalacións eléctricas e do seu correcto funcionamento, incluíndo probas e ensaios de seguridade insitu. Unha vez que as atraccións se poñen en marcha, estas deberán amosar en lugares claramente visibles carteis con recomendacións de interese para os usuarios que detallen específicamente os riscos e no seu caso as limitacións de altura.

A Lei de espectáculos e actividades recreativas de Galicia, que foi aprobada no ano 2017, recolle a obriga de realizar esta serie de inspeccións ás entidades organizadoras de eventos de carácter público. Tal e coma salienta o Concello de Pontevedra, o equipo municipal leva xa 20 anos realizando este tipo de inspeccións co obxectivo de cumplir cos protocolos de seguirdade e para que non aconteza ningún tipo de desgraza que podería ser ocasionada polo mal funcionamento dunha atracción.

comentarios