A Audiencia de Pontevedra apraza o xuízo por abusos sexuais dun tío a sobriña

A vista volveu a ser sinalada para o próximo 28 de setembro
Audiencia de Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Audiencia de Pontevedra. DAVID FREIRE

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra suspendeu este martes un xuízo contra un home para o que a Fiscalía pide dez anos e medio de cárcere por un delito de abusos sexuais continuados á súa sobriña, que era menor de 16 anos no momento dos feitos. O motivo da suspensión é a realización dun informe psicolóxico sobre a vítima.

O xuízo volveu a ser sinalado para o 28 de setembro e está previsto que a vista se celebre a porta pechada.

Segundo o escrito de acusación presentado pola Fiscalía, os feitos que se xulgarán tiveron lugar entre os anos 2016 e 2019. A nena, que padece unha discapacidade, acudía en compañía da súa nai á vivenda familiar na que tamén residía o seu tío, o acusado.

Segundo relata o Ministerio Público, este home aproveitaba a ausencia da nai e do resto de familiares no domicilio para quedar a soas coa súa sobriña. Nese momento, incitábaa a masturbarlo e mantiña con ela relacións sexuais "a pesar da negativa da menor", incide Fiscalía. Ademais, ao longo de 2019, en varias ocasións o home mostráballe á nena pornografía no seu teléfono móbil.

A Fiscalía solicita para o procesado unha pena de afastamento sobre a vítima a unha distancia de menos de 300 metros nin poderá comunicarse con ela durante 18 anos e medio.