O Augal reformúlase e integra obradoiros para estudantes

Pontevedra e os ex alumnos do Campus protagonizan a VIII Master Class do Audiovisual Galego, pola que pasará Dani de la Torre

Paulino Pérez, Jacobo Sutil e Manuel Morquecho (de esquerda a dereita). GONZALO GARCÍA - Augal
photo_camera Paulino Pérez, Jacobo Sutil e Manuel Morquecho (de esquerda a dereita). GONZALO GARCÍA

O Augal cambia de estrutura. A oitava edición da Master Class do Audiovisual Galego, que organiza a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), presentouse este luns cunha novidade: pasará de ter unha programación conformada por proxeccións audiovisuais a unha na que estas se combinan con obradoiros para o estudantado universitario impartidos por profesionais do sector.

Pontevedra e varios ex-alumnos de Ciencias Sociais teñen un especial protagonismo no Augal deste curso, que consta de nove sesións. Inaugurarase o luns 26 de novembro e rematará o 16 de abril. Só dúas longametraxes se incluíron na proposta deste ano, ambas rodadas en parte en Pontevedra: La sombra de la ley (5 de febreiro), de Dani de la Torre, e La estación violenta (12 de febreiro), de Anxos Fazáns.

TÍTULOS DE CRÉDITO. "Os cambios deste ano responden á idea de que o Augal non se reduza á proxección de películas, senón que recoñeza o traballo da xente do audiovisual que está detrás, a que aparece nos títulos de crédito, e que é tan importante como directores, produtores e actores", explicou Paulino Pérez, un dos coordinadores do ciclo (os outros dous son Miguel Anxo Fernández e Fortunato Rodríguez), encargado de presentar a programación, xunto ao director da Área de Dinamización Cultural do Campus, Manuel Morquecho, e o director da Agadic, Jacobo Sutil.

Un obradoiro de cor con Fernando Alfonsín e Alfonso Merino (ex-alumno) abrirá o oitavo Augal. Seguiralle (27 de novembro) outro de dirección de fotografía a cargo de Suso Bello (Os mortos van á présa). No mes de marzo haberá outros dous talleres: un de son (día 11) a cargo de Miguel Barbosa (ex-alumno) e outro de guión (día 25) a cargo de Raúl García Pérez (Meteórica Cine).

Ademais, a programación deste curso inclúe unha xornada adicada á proxección de curtas (12 de decembro) na que se poderá ver, entre outros títulos, Brotes, de Jorge Fernández (ex-alumno). Augal rematará cunha sesión de clausura a cargo da pontevedresa Elena Mera (Treeline Distribution), que ofrecerá a conferencia Como se comercializa un produto audiovisual?.