A Aula Castelao afonda nas fendas que se abren no mundo dixital

Bota a andar a XXXVII edición da Semana Galega de Filosofía despois do parón do ano pasado por mor da pandemia de covid-19
O alcalde e o presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón, este luns, inaugurando o encontro. DAVID FREIRE
photo_camera O alcalde e o presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón, este luns, inaugurando o encontro. DAVID FREIRE
A virtualidade que se solapa cada vez máis coa realidade, como o mundo dixital configura as vidas dos individuos, a dominación presente tamén na dixitalización, o control da privacidade das persoas ou os problemas medioambientais que provoca a produción desmedida de dispositivos dixitais son algúns dos temas que abordará a Semana Galega de Filosofía, inaugurada este luns no Teatro Principal polo presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Foi o primeiro deles o que repasou os temas que se tratarán nos próximos días neste foro que repite o obxecto de reflexión previsto para o ano pasado e que, tras a irrupción da pandemia está de máis actualidade. "Xa están aquí os filósofos e as filósofas para desordenalo todo. Pero non vos preocupedes: non somos pesimistas. Gústanos salientar o que nos desacouga e preocupa. Esa é a nosa esencia, a nosa marca, xa teremos tempo logo para arrombalo de novo", contaba Cendón no seu discurso de inauguración da XXXVII Semana Galega de Filosofía.

"Esta é unha edición de especial simbolismo, na que recuperamos a actividade despois do parón obrigado do ano pasado", explicaba o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante o acto de apertura do encontro. Para cumprir coas restricións sanitarias, o encontro, que se prolonga durante toda esta semana, terá un aforo limitado de xeito presencial e todas as ponencias retransmitiranse a través da web no enlace aulacastelao.gal.

O encontro chega ademais cunha nova directiva na Aula Castelao, encargada da súa organización. Co mencionado Alexandre Cendón na presidencia do colectivo relevando a Ana Regueira, un dos encontros que "converte Pontevedra na capital do pensamento", en palabras do propio alcalde, comeza unha nova etapa marcada pola pandemia. Deste xeito, unha das consecuencias directas das limitacións impostas pola covid-19 é a supresión da sesión nocturna, habitual no congreso. O confinamento nocturno a partir das 22.00 horas e a limitación de mobilidade entre comunidades limita a posibilidade de que se poida celebrar a sesión de última hora, así como que persoas de diferentes puntos xeográficos se poidan achegar a Pontevedra. É por iso que a sesión que aglutinaba máis público pola relevancia dos ponentes non se celebrará desta vez.

"Cómpre reflexionar sobre a civilización virtual na que estamos mergullados", explicaba Cendón na mañá deste luns. "Que somos? Seres dotados de desexos programados para posuir mercadorías e fetiches ou seres dotados de dereitos?", preguntábase. Sobre a relación entre o capitalismo e o mundo virtual, así como da dominación presente tamén no eido dixital falou o encargado de realizar a primeira das ponencias do encontro, Albino Prada. O ensaísta, profesor e investigador de Ecobas (Economics and Business Administration for Society) plantexou a súa intervención en tres partes: a primeira destinada a plantexar a existencia do hipercapitalismo, a segunda á crítica do mesmo e a terceira ás altenativas.

Albino Prada foi o encargado da primeira ponencia. DAVID FREIRE

"Está a pasar coa dixitalización o mesmo que pasou coa electricidade e formas previas de enerxía. Sempre hai grandes grupos de investimento e financeiros que son quen modulan e modelan cara a onde se desenvolven as potencialidades dunha tecnoloxía, como Google, Amazon, Microsoft, Intel ou Apple. Hai dous grupos sempre presentes detrás destes: Vanguard Group e Black Rock. Eles marcan os obxectivos, condicionan cara a onde se decide camiña", explicou para deixar patente a existencia dun hipercapitalismo dixital.

Ademais, Prada apuntou á necesidade de non caer nin na tecnofilia nin na tecnofobia: "Non son tecnófobo nin tecnófilo, pero teño claro que o hipercapitalismo é criticable. Lonxe dunha economía de mercado competitiva o que se conforman son monopolios e oligopolios". Dos xigantes tecnolóxicos como Google dixo que "nunca terían existido sen diñeiro público" e criticou a manipulación de precios de patentes, a evasión fiscal ou a obsolescencia programada.

No momento de apuntar ás alternativas e solucións ao hipercapitalismo sinalou a necesidade de que exista un sector público non abducido por grupos económicos. "Hai que poñer enriba da mesa o concepto de soberanía tecnolóxica: un país non pode renunciar a isto se non quere vivir baixo o réxime colonial destas empresas. Sen un goberno mundial da técnica, podemos dar pasos cara un telón dixital global", expuxo.

Xa pola tarde, a editora e creadora de contidos Iolanda Gomis ofreceu unha ponencia sobre tecnoloxía en Galicia, colonialismo tecnolóxico e fenda dixital.

Comentarios