Aumenta a demanda de FP mentres os centros preparan un curso atípico

Moitos ciclos que non se cubrían ata setembro xa non teñen prazas dispoñibles. O curso estará marcado polas medidas de seguridade
Gon Recinto Feiral: Etiqueta Negra: showcooking do Carlos Oroza. Ambiente
photo_camera Un alumno do CIFP Carlos Oroza empratando. JAVIER CERVERA

A demanda polos ciclos de FP aumenta cada ano. Os centros de Pontevedra cubriron con éxito a súa oferta de ciclos medios e superiores para o vindeiro curso tras a publicación da listaxe provisional de admitidos. Estes, teñen ata o día 27 para formalizar a súa matrícula. Mentres, os institutos enfróntase á posta en marcha dun curso que virá marcado polo protocolo de seguridade da Covid-19.

O director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo constata de primeira man o incremento de solicitudes con respecto ao ano pasado. "Non notamos un cambio pola situación do coronavirus, incluso hai un pouco máis de demanda da que esperabamos". Ocorreu o mesmo no IES Montecelo. "Cubrimos todas as prazas dos superiores, cunha ampla lista de espera", explica o director do centro, Juan Miguel Carballa. Porén, foi nos ciclos medios onde máis se puido presenciar a subida da demanda. "A situación non afectou para nada, todo o contrario. Os ciclos de Preimpresión e Impresión adoitábanse cubrir en setembro, pero este ano notamos un incremento e as prazas xa están practicamente cubertas agora", declara.

"Os ciclos de Preimpresión e Impresión adoitábanse cubrir en setembro, pero este ano xa están practicamente esgotadas as prazas"

Entre os que máis demanda teñen destacan os ciclos de Educación Infantil, que xa completou a matrícula e ten a lista de espera máis longa de todos os centros cun total de 300 persoas, seguido de Integración Social con 200.

MEDIDAS DE SEGURIDADE. A Consellería de Educación publicou recentemente un borrador do protocolo de seguridade da Covid-19 para o inicio do curso en setembro. Desde os centros de Formación Profesional, explican que a súa situación é un pouco máis complexa que noutros cursos pola colaboración entre os alumnos en traballos en grupo, por exemplo, nos talleres. Manuel Hermo, director do CIFP Carlos Oroza, comenta que mentres agardan á aprobación definitiva do protocolo, xa comezan a estudar iniciativas que poidan ser viables para manter a seguridade dos estudantes. "Imos escalonar os tempos de entrada e saída ao centro, así como facer obrigatorio o uso da máscara naquelas aulas nas que non se poida manter a distancia de seguridade", sostén. Na mesma situación atópase o IES Montecelo. Seguen de preto o borrador, coa preocupación posta nos tempos nos espazos comúns, sobre todo nos días de choiva nos que se buscarán alternativas como permanecer na propia aula. Sobre o método de traballo, o director, Juan Miguel Carballa, explica que están desenvolvendo esta semana uns cursos prácticos da Consellería de Traballo que lles sirven para empezar a xestionar esta nova situación. "Traballamos con grupos pequenos de 5 a 10 persoas e con máscara, probaremos a súa viabilidade nos traballos nos talleres" declara.

"A FP está máis orientada á práctica cá Universidade"

Adrian Freijeiro (1)"Esta decisión la tenía en mente desde bachillerato porque actualmente estoy en el conservatorio de música. Estando en el conservatorio, no veía muy bien empezar una carrera universitaria porque iba a ser un poco difícil compaginarlo y me decidí por el ciclo", sinala Adrián Freijeiro que optou por estudar Informática. "La opción de la carrera no está cerrada porque me lo planteo cuando acabe el ciclo superior pero no es algo que me plantee".

Este alumno destaca que "la FP está orientada más a temas prácticos que la universidad. No viene mal hacer una FP por su orientación al mercado laboral. En la FP empiezas más rodado, no te exigen una base tan amplia. El tema de informática me gusta, aunque cambié mucho de decisión».

"Decidín ir a un ciclo máis orientado ás saídas laborais"

Roberto Pastoriza (1)É o seu segundo ciclo superior despois de estudar anteriormente un ciclo superior de Audiovisuais. "Como está complicado o tema de traballo decidín cursar o FP de Mantemento Electrónico polas súas saídas laborais, xa que engloba moitos ámbitos como mantemento industrial, automoción, reparacións e demais…". Roberto Pastoriza foi un dos afectados pola suspensión das clases a causa da pandemia e destaca que "durante o confinamento vivimos complicacións porque na casa hai que organizarse ao facer máis cousas e, ás veces, tiñamos moi pouco tempo de entrega para as tarefas que nos encargaban". "Aumentou o ritmo e non tiñamos a mesma axuda que na clase, polo que se fixo difícil", conclúe.

Comentarios