Uns 3.000 viaxeiros máis durante a folga de autobuses

Aumenta un 14% o número de usuarios do tren en Pontevedra

Mil persoas viaxan cada día en ferrocarril desde a estación local ►O traxecto con maior afluencia é o que une Pontevedra con Santiago e o que menos o que se dirixe á estación da Universidade ►A idade media dos viaxeiros é de 31 anos
Imagen de uno de los apeaderos de la estación de tren
photo_camera Imagen de uno de los apeaderos de la estación de tren

1.022 persoas collen o tren cada día en Pontevedra, segundo datos facilitados por Renfe. O tren consolídase na cidade como medio de transporte cun aumento de 11,6% no número de viaxeiros con respecto ao ano pasado. Utilízano sobre todo mulleres novas que estudan ou traballan.

Así, o 58% dos viaxeiros son mulleres, fronte ao 42% que son homes. A idade media dos usuarios é de 31 anos e os estudantes supoñen o 41% dos clientes de Renfe. Tamén hai un gran número de traballadores que escollen este medio de transporte, en concreto o 46%. O perfil do viaxeiro é, polo tanto, o dunha persoa nova que opta polo tren para realizar os seus traxectos de camiño ao traballo, a universidade ou calquera outro centro educativo. Entre os motivos que levan aos usuarios a subirse a un tren no canto de coller o coche atópase a comodidade e a rapidez do ferrocarril. Aínda que durante o verán as universidades interrompan as clases e moitos traballadores vanse de vacacións, o fluxo de viaxeiros non baixa, senón todo o contrario. Así, no pasado mes de xuño, Renfe notou un repunte do 14% no número de viaxeiros que utilizan o tren desde a estación de Pontevedra. O aumento do turismo compensa con fartura a baixada de viaxeiros estudantes.

O traxecto que conta con máis afluencia de todos os que saen da Boa Vila é o que une a cidade con Santiago de Compostela. Aínda que segundo as enquisas de Renfe o tren é a opción preferente dos seus viaxeiros por comodidade e rapidez, no caso da conexión con Santiago tamén inflúe o prezo das peaxes. Deste xeito, mentres un billete normal sen ningún tipo de desconto a Santiago de Compostela custa 6,10 ou 7,35 euros dependendo da velocidade do mesmo e as paradas, só o prezo da peaxe que separa Pontevedra de Santiago pola AP-9 é de 5,35 euros. Ademais, a este prezo hai que sumar o que custa o combustible. O tempo da viaxe en tren ata a capital é dunha hora aproximadamente. Se se opta polo coche o traxecto dura uns 44 minutos pola AP-9. Pero, se se queren evitar as peaxes, o percorrido pola N-550 é dunha hora e 16 minutos aproximadamente, dependendo do tráfico, e percórrense doce quilómetros máis.

O MENOS USADO. O traxecto con menos usuarios é o que une a estación principal de Pontevedra co apeadeiro Pontevedra Universidade. Esta parada está situada preto da Avenida de Bos Aires nun lugar apartado e de difícil acceso. De feito, para chegar ao apeadeiro é necesario percorrer ao longo duns metros un camiño non asfaltado. Ao longo de todo o día, na estación só para un tren que circula en dirección a Santiago (ás 15.45 horas) e outro en dirección á estación principal de Pontevedra (ás 11.34 horas).

Aínda que o apeadeiro fose creado nos anos 90 coa finalidade de facilitar o acceso ao Campus, a realidade é que o número de viaxeiros é practicamente nulo, quizais pola escaseza de horarios ou quizais polo prezo. Así, o billete para este traxecto de tres minutos e pouco máis de dous quilómetros custa 2,15 euros ao viaxeiro. A alternativa é ir a pé ou en coche, o que supón unha media hora de traxecto no primeiro caso e uns 10 minutos no segundo.

Pontevedra atópase no medio da vía que une Vigo coa Coruña, un eixo no que o tráfico ferroviario é constante, con trens que pasan con frecuencia. En canto aos prezos, un billete sinxelo ata A Coruña custa 16,05 euros no tren máis rápido e 13,60 no que tarda máis tempo en chegar. A Vigo, os prezos oscilan entre os 3,65 e os 3,20 euros e a Vilagarcía un billete custa 5,05 ou 4,00 euros.

Ademais, nos dous últimos anos, Renfe conxelou o prezo do billete de tren tras varios exercicios subíndoo. Deste xeito, en 2015 o prezo creceu un 1,85%, en 2014, un 1,9%, e en 2013 un 3%. Pero a subida máis importante tivo lugar en 2012, cando o prezo dos billetes chegou a aumentar nun 12,85%.

Ademais dos traxectos de media distancia, saen tres trens a Madrid ao día excepto os domingos. Dous deles son Alvia e outro é un Tren Hotel con literas no que é posible pasar a noite. En 2015, 42.971 persoas utilizaron este servizo e o 2016 fixérono 45.648, un 6,2% máis. O tempo da viaxe ata Madrid é dunhas sete horas aproximadamente, aínda que o Tren Hotel tarda en chegar doce horas.

Comentarios