Os ciberdelitos aumentaron un 32% na provincia de Pontevedra durante a pandemia

Os responsables policiais apuntan ao aumento do consumo online como principal causa
estafa online
photo_camera No confinamento aumentaron as estafas cibernéticas. EP

Os ciberdelitos dos que foron vítimas cidadáns da provincia de Pontevedra, especialmente a través de compras e cargos de diñeiro en cartóns, aumentaron un 32% entre xaneiro e novembro con respecto ao mesmo período de 2019.

Éste é un dos principais datos que foron analizados este mércores na reunión da Xunta Provincial de Seguridade, que estivo presidida pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba.

Os responsables policiais apuntan ao aumento do consumo online debido ás restricións sanitarias pola covid-19 como a principal causa desta subida.

A orixe da maior parte destas estafas sitúase nos países balcánicos e asiáticos, o que segundo as autoridades supón unha dificultade engadida para os investigadores.

Ante esta situación, Maica Larriba pediu "moita precaución" ante as compras que se fagan en internet, especialmente ante a inminente campaña do Nadal.

Durante estes once meses tamén aumentaron os delitos por ameazas e malos tratos no ámbito familiar, segundo informou a subdelegada.

Neste caso, as restricións á mobilidade, o límite horario da hostalería e o confinamento domiciliario, "que obrigan a pasar un maior tempo en casa", segundo Larriba, serían as causas deste incremento.

Pola contra, na provincia de Pontevedra descenderon os delitos graves, os roubos e os furtos, especialmente nas cidades de Vilagarcía de Arousa e Pontevedra, mentres que a caída en Vigo é menos acusada.

Con respecto aos datos de tráfico e seguridade viaria da provincia, rexistráronse dous falecidos menos que en 2019 e son as estradas autonómicas as que acumulan o maior índice de mortalidade.