A baixada de prezos non fai crecer a cesta da compra

A Praza de Abastos de Pontevedra viviu a súa Semana Santa máis negra en canto a vendas e prevese unha recuperación lenta
undefined
photo_camera A Praza de Abastos de Pontevedra, semibaleira. DAVID FREIRE

A tradicional Praza de Abastos de Pontevedra non consegue encherse e recuperar a súa esencia, debido a unha pandemia que está a pasar factura. E o prezo a pagar está a ser caro. Todo facía presaxiar que, tras a Semana Santa, o comercio retomaría a actividade e prepararíase con forza para un verán inminente que deixaría espazo á recuperación económica dos negocios, pero nada máis lonxe da realidade.

undefinedAs limitacións xeográficas están a impedir aos turistas achegarse a Pontevedra a coñecer e consumir os produtos máis tradicionais da cidade, como o peixe. Os postos do mercado da Boa Vila non enchen os seus estantes porque a afluencia de público é "lenta", tal e como o describe Manoli Domínguez, unha das máis veteranas vendedoras da praza. "A Semana Santa notouse que había moita menos xente que outros anos e agora a venda está máis lenta aínda", recalca a pescadera.

Abril é un mes de transición e os corredores da Praza de Abastos reflícteno. Comezan a demandarse os peixes pequenos a pesar de non estar en época. "A xente pide xusto o que non hai", resalta Manoli, que empeza a botar de menos os xureliños, sardiñas ou boqueróns. "Se empeza a vir o peixe pequeno a xente anímase".

Manoli Domínguez asegura que este ano a crise polo coronavirus está a facer máis dano que a pasada tempada

O mal tempo tampouco acompaña á venda do peixe, a pesar de que neste mes se xuntan outros factores que fan que decaian os números. "O mal tempo, a escaseza e a veda fan que non teñamos todo o que nos gustaría", apunta Manoli, quen insiste en resaltar unha e outra vez que este ano a crise polo coronavirus está a facer máis dano que a pasada tempada. "Afecta ao comercio directamente, porque a xente non ten xa tanto diñeiro, e á hostalería sobre todo e de aí perdemos moito". Un círculo vicioso.

Nada que ver co mes de abril de 2020, cando a pandemia estaba recentemente chegada ás nosas vidas, e o sector alimenticio non se viu tan afectado. "Aínda había diñeiro para ir facer a compra. Agora os ERTE non se pagan ben e a xente non pode vir como o ano pasado ou outros anos", apunta a pescadera, en cuxo posto pasaban apenas dúas persoas no intre que nos estivo atendendo.

Os prezos trataron de axudar na venda, pero non foi suficiente. O peixe é agora máis económico, e algúns como pescada pasou de 17 euros o quilo a 14 ou o rodaballo, que descendeu desde os 38 a 32 euros o quilo. "Os prezos baixaron desde Nadal, pero a xente resístese", apunta a pescadeira.

undefinedMARISCO. A esperanza residía no marisco, cuxo prezo baixou considerablemente desde as festas do Nadal como o lagostino, que reduciu o seu importe máis de dez euros o quilo desde o pasado mes de decembro. Tamén a ameixa, que a finais do pasado ano se vendía a entre 30 e 50 euros o quilo, agora oscila entre os 25 e 28 euros. A pesar diso, a escaseza de produto tamén afecta a esta variedade.

"Hai súper pouco camarón ou percebe e a nécora está en veda ata xullo", apunta Manoli, asegurando que mantiña a esperanza tralo Nadal como oportunidade para vender marisco a prezo alcanzable, pero todo foi en balde. A pesar diso, aínda queda un recuncho para a esperanza, e non é outro que a chegada do bo tempo, o factor clave que determina as vendas na Praza de Abastos.

A NOTA POSITIVA. Se hai un produto que o cliente adquire en calquera época do ano, non é outro que o bacallau. "Está a venderse moi ben", apuntaba a propietaria de Bacalaos Fariña, detallando que sempre é boa época para este tipo de peixe. "A xente amóldao ás circunstancias", resume mentres enchía o seu estante. O prezo tamén anima á súa compra, destacando os lombos despezados que baixaron ata os 16,50 euros/quilo ou os 7 euros/quilo das colas. "A xente consómeo bastante", relata optimista.

É o halo de esperanza na tradicional Praza de Abastos de Pontevedra, que vive o seu ano máis peculiar vendo os seus corredores semibaleiros nunha época na que outros anos sobordaba de clientes. E é que a pandemia está a alongar no tempo os danos ocasionados ao comercio e aos comerciantes.

Comentarios