O 'banco bo' que reparte unha tonelada de comida cada día

O Banco de Alimentos prové 36 asociacións da comarca
undefined
photo_camera Un día no Banco de Alimentos de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Tráfico de furgonetas, carriños da compra e voluntarios que peitean canas correndo dun lado a outro cargados con caixas, bolsas e paquetes cheos de comida. É a imaxe habitual dunha mañá na pequena rúa Faustino Santalices, onde o Banco de Alimentos ten o seu almacén en Pontevedra, desde o que reparte unhas 26 toneladas ao mes, todas as mañás, de luns a venres. Así, da súa nave sae cada día ao redor dunha tonelada de comida para cubrir as necesidades básicas de quen sofre as consecuencias de dúas crise cuxos efectos se solapan.

undefinedJosé Luis Doval, o presidente desta versión de banco bo en Pontevedra, dirixe pedidos con présas e comproba un por un o contido dos packs que se entregan. "Traballo máis agora que estou xubilado que durante a miña vida laboral", resume antes de enumerar todas as tarefas do día a día.

Todo o que entra no almacén do Banco de Alimentos ten que ser rexistrado nunha base de datos. "Ademais, hai que comprobar todo o que entra, sobre todo polas datas de caducidade, de aquí non podemos sacar nada fóra de data de consumo", recorda mentres sinala as cheas de pedidos preparados para que as furgonetas das asociacións veñan a buscalas. "Nós facemos unha entrega mensual de alimentos e, ademais, día a día, imos repartindo tamén produtos que nos chegan frescos", explica.

Preparan unha entrega mensual ás asociacións e, ademais, reparten cada día os produtos frescos que van chegando

Esta mañá toca peixe, en concreto varias caixas de lirios doados pola asociación de armadores de Marín. "Temos un acordo con eles e vannos facendo doazóns periódicas, pero ademais tamén recibimos o peixe que é comisado pola Garda Costeira a furtivos ou porque non dá a talla", conta.

undefinedTamén reciben carne e froita que se distribúe no día ás asociacións colaboradoras. E é que o Banco de Alimentos non entrega os seus produtos directamente ás persoas que os necesitan, senón que outras ONG funcionan como intermediarias e son as que teñen o trato directo cos usuarios. Á nave do banco acoden todas estas organizacións coas súas furgonetas para recoller os pedidos a diario. "Poden pasar nunha mañá entre dez e 16 furgonetas e coches", explica Doval, que ten unha xornada axitada porque tres dos voluntarios habituais están a se vacinar.

Nunha mañá pasan entre dez e 16 furgonetas para recoller as doazóns nun ano no que a demanda creceu un 30%

"Aquí somos entre oito e nove persoas ao día, a maioría xubiladas, outras en paro, e temos tamén axuda de dous rapaces do Centro de Reeducación especial Avelino Montero", conta. A axuda fai máis falta ca nunca porque a demanda de alimentos creceu un 30% desde a irrupción da pandemia, un problema que se agudizou co atraso do pago dos Erte pero que atopou resposta social co incremento das doazóns, tal e como explica Doval. "A xente está concienciada", apunta.

Gon Banco de Alimentos, Reportaxe sobre ou día a día non banco de alimentos. Con Sara., venres, 7 may · 12:00–13:00

¿E como doar? Máis aló das campañas de recollida periódicas que se organizan nos supermercados, a entidade recibe na súa nave de Faustino Santalices as achegas de particulares e empresas. Ademais, conta cunha furgoneta para ir recoller as doazóns máis voluminosas.

 

A organización busca unha nova nave cun prezo accesible 
A situación da nave na que actualmente se sitúa o almacén do Banco de Alimentos complica a loxística á hora de recibir o tráfico de furgonetas diario. "Esta é unha rúa moi estreita e resúltanos incómodo, quédasenos pequeno, o que pasa é que non atopamos alternativas que poidamos asumir polo prezo tan caro do aluguer", conta o presidente da ONG en Pontevedra. 

O Banco de Alimentos interesouse por unha nave de Marcón que cumpría cos requisitos que esixe a repartición e almacenamento de comida, pero finalmente non se chegou a un acordo porque supuña un desembolso mensual de 1.800 euros en concepto de aluguer. "Hai que darse conta que somos unha asociación que non xera ingresos, os 700 euros de aluguer da nave actual sacámolos de doazóns", conta Doval, que pide colaboración a administracións e empresas que poidan dar unha achega ou prestar un lugar.

Comentarios