Barbies contra a desigualdade

O Pazo Provincial da Deputación acollerá unha mostra que utiliza a famosa bonecas para denunciar a desigualdade entre homes e mulleres

Presentación de la muestra 'Rompe. Xoga en Igualdade'. DP
photo_camera Presentación de la muestra 'Rompe. Xoga en Igualdade'. DP

O Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra acollerá a mostra Rompe. Xoga en Igualdade, que utiliza a boneca Barbie para denunciar de forma "impactante e rompedora" a desigualdade entre mulleres e homes.

A presidenta da Deputación provincial, Carmela Silva, xunto á deputada de Igualdade, Isaura Abelarias, e ás artistas creadoras da mostra, Isabel Blanco e Irene Silva, presentou este xoves a exposición que se inaugurará o mércores 7 de marzo dentro da programación impulsada pola institución con motivo do Día Internacional da Muller. 

Carmela Silva explicou que esta exposición "vangardista" busca "golpear as conciencias, para facer pensar e reflexionar" e mostrouse segura de que "non vai deixar a ninguén indiferente" e que " vai traer críticas, pero as críticas, incluso as destrutivas, serven para cambiar o mundo", dixo. 

A mostra consta de 18 paneis cheos de bonecas Barbie que foron intervidas para mostrar "situacións de desigualdade, violencia e discriminación que viven as mulleres desde nenas", sinalou Silva. Así, haberá paneis que recollan temas como a beleza, a casa, a escola, a muller floreiro, a golpeada, o matrimonio infantil, as princesas, a prostitución, o traballo, a voda ou os zapatos de tacón, entre outros.

Así mesmo, a presidenta da Deputación manifestou que a selección "da boneca máis famosa da historia" para a mostra responde a que "transmite valores sexistas que se están reproducindo tanto nos xogos como nas condutas das nenas e nenos". Carmela Silva tamén indicou que a Barbie "non representa a unha muller real, senón que presenta a unha muller obxecto". 

Pola súa banda, Isabel Blanco destacou que a mostra xorde "da necesidade de expresar" o que cren "para cambiar o mundo" e Irene Silva enxalzou o seu carácter "de denuncia para reparar na situación de desigualdade" que viven "as mulleres e romper con ela para xogar en igualdade". 

A presidenta da Deputación de Pontevedra lembrou que os actos programados pola institución provincial con motivo do día 8 de marzo comezan esta fin de semana co encontro de Mulleres Columnistas, continúa coa inauguración desta exposición e o día 8 coa lectura dun manifesto e o paro de todas as mulleres da institución provincial.

Comentarios