Coas barreiras topamos

Unha aplicación móbil permite denunciar as incidencias que dificulten a mobilidade das persoas con discapacidade  A provincia de Pontevedra acumula unha terceira parte das 300 deficiencias detectadas en Galicia
photo_camera Sen beirarrúas en Rosalía de Castro. MB

¿Que facer se imos pola beirarrúa e atopámonos cunha barreira arquitectónica? Ata agora, só quedaba o recurso da rabecha, a indignación puntual e, as menos das veces, algún escrito á administración de quenda pedindo a súa urxente reparación.

Pero desde hai dous anos, as persoas con discapacidade dispoñen dunha ferramenta, AccesibilidApp, que permite alertar das incidencias que se detecten. Esta listaxe será recompilado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e remitiraas aos organismos competentes para polas no seu coñecemento, co fin de poder darlles unha solución o máis temperá posible.

A versión móbil desta app (tanto para Android como para IOS) é especialmente útil, pois ofrece a oportunidade de rexistrar a anomalía no mesmo momento de ser localizada e acompañala dunha imaxe que sirva como aval do denunciado.

Unha vez rexistrado, o usuario ten a opción de encaixar a súa alerta en varios apartados xenéricos: elementos removibles, pavimento urbano, desprazamentos verticais, mobiliario urbano, aparcadoiro, transporte, sinalización e iluminación.

Cogami, que se uniu á Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (Cocemfe) para conmemorar a Semana Europea da Mobilidade (do 16 a 22 de setembro), anima á cidadanía a que recolla incidencias a través desta app, "co fin de que as nosas vilas e cidades sexan máis habitables, seguras e sostibles".

Case 300 barreiras. Ata o momento, AccesibilidApp recompilou un total de 299 incidencias en toda Galicia, das que unha terceira parte (case un centenar) sitúanse na provincia de Pontevedra.

Silleda, con 56, acumula máis da metade das incidencias recompiladas na provincia polos usuarios desta aplicación

O transporte e a falta de accesibilidade na deambulación son as temáticas que máis se denuncian, seguidas de problemas no pavimento e as condicións do mobiliario e das prazas de aparcadoiro reservadas.

Desglosando as alertas por localidades, Silleda leva a palma, cun total de 56 (máis da metade). Séguenlle Cambados, con 23; Vilagarcía, con 5; Pontevedra e Poio, con 4 cada unha; Lalín, con 3; A Estrada, con 2; e tan só unha no Porriño.

No resto de Galicia, os concellos de Santiago (123 incidencias recolleitas), A Coruña (27) e Ames (24) son os que albergan maior número das anomalías achegadas polas persoas que teñen a aplicación AccesibilidApp instalada no seu dispositivo móbil.

"Na medida en que vos transportes, contornas e servizos sexan accesibles a todas as persoas, as comunidades serán máis inclusivas, seguras e saudables para toda a cidadanía, reducindo as desigualdades", apunta Anxo Queiruga, presidente de Cogami, quen pide a implicación de toda a sociedade na recollida de calquera barreira relacionada coa falta de seguridade e accesibilidade na súa contorna e, sobre todo, no acceso aos recursos sociosanitarios.

Comentarios